O cabalo

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

c

O primo Gerardo leva varios días arrastrando tristeza. Non quixo dicir a causa ata hoxe. Eu comprendino e pedinlle permiso para escribir esta columna. Dixo que si, que redactase a contraportada como un aviso de S.O.S., unha botella ao mar, un canto desesperado por ver se alguén pode derrotar a súa melancolía. Sucede que vai camiñar todos os días. É un individuo metódico. Levántase á mesma hora, toma café no mesmo lugar, pasea os mesmos lugares. E aí está o problema. O cabalo. Díxome en confidencialidade que chegou a trabar amizade con el. Que ao principio non lle parecía posible. Porque el, o maior trato que ten cos animais circunscríbese a Dana e Dino, os meus cans. Os gatos non son da súa corda. Aves e réptiles e seres microbianos ou insectos, tampouco. Gústanlle, iso si, os cuadrúpede que aparecen en calquera wéstern, o seu xénero predilecto. O cabalo. Con este chegou a manter unha certa cercanía. Xa no inverno, cando non estabamos confinados, paraba fronte a un prado que queda no camiño de Cabreiroá. E alí estaba el. Alto, vertical, suave. O Gerardo arrincaba unhas polas de calquera árbore e o cabalo acudía xunta del, contento. Rinchaba, levantaba as patas, inclinaba a cabeza en sinal de agradecemento. O primo Gerardo díxome que non era a primeira noite que soñaba co cabalo. Só quería levantarse. Pasear. A cen metros da finca onde moraba o cabalo, xa escoitaba -­asegura o primo Gerardo­- as risas do animal. Un cabalo moi listo, neno, dicíame. Pero desapareceu o cabalo. Desolación. Eu díxenlle que non era para tanto, que o dono seguro que o levou para outro prado. O primo Gerardo dixo que non. E, tatexando, tristísimo, só puido musitar unha palabra. Esta: hamburguesas.