Escribir nas paredes

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

CARLOS FOLGOSO

20 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Leo as mensaxes nas paredes dos baños dos centros de ensino, bares... Fáltame atopar a soa chamada de atención á responsabilidade pandémica. Non me cadrou ler «pon a máscara» ou «lava as mans». Tamén é certo que non frecuento estes lugares ultimamente... así que quen sabe! Non é que me guste que se lixen as propiedades sen permiso, pero non podo evitar sentirme atraída polas palabras. Por sorte, non son a única. E, como a realidade sempre supera a ficción, acaba de darse fin a un secuestro grazas ás mensaxes que a vítima deixou en baños públicos.

Non sei que se me ocorrería facer se me privasen da liberdade contra a miña vontade. Berraría, patexaría, mordería, choraría... e desesperaría. Quizais se me ocorrese pedir auxilio sen berrar. Quizais, nun intento desesperado. Isto foi o que argallou unha muller que estaba secuestrada en Pennsylvania. Describiu no espello dun baño público a súa situación, deixando o enderezo e os datos do coche do seu agresor. El tería o acceso denegado a aquel lugar. Foi coma un berro enxordecido, que falou igualmente. Porque houbo quen non tomou esta información á lixeira e contactou coa policía. Foi así como a localizaron pero, ao ser interrogada, viuse forzada a mentir, asegurando atoparse ben. Insistiu coas mensaxes nos baños públicos. Solicitaba que a liberasen. De novo, a policía actuou e, por sorte, viviron un final feliz. Se imos estragar as paredes (aínda que sería mellor escribir nun espello), que sexa por un bo motivo.