A zooloxía, invisible para a RAGC

Victoriano Urgorri CATEDRÁTICO DE ZOOLOXÍA MARIÑA NA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

OPINIÓN

ROI FERNANDEZ

19 jul 2021 . Actualizado a las 08:53 h.

A zooloxía, por definición etimolóxica, é a ciencia que estuda aos animais, fundamentándose principalmente no seu estudo morfolóxico-sistemático, no que a morfoloxía estuda e interpreta como é a diversidade animal, mentres que a sistemática explica e interpreta o porqué da diversidade animal. Neste vasto campo de investigación, os zoólogos estudan dos animais a súa ampla diversidade estrutural e os diferentes xeitos de vida, tamaño, estratexias de subsistencia e múltiples adaptacións aos ambientes mariños, terrestres e doceacuícolas.

Poida que o labor máis salientable dos zoólogos sexa o taxonómico, coa descrición de especies novas para a ciencia, que, para quen non o saiba, son especies descoñecidas en todo o planeta que o zoólogo descobre e describe anatomicamente, tendo que discutir a súa validez polas características identificadoras e que tamén deben ser publicadas en revistas científicas con revisión por pares, tendo ademais o zoólogo a potestade, de acordo co Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica, de poñerlle un nome en latín ou latinizado ao epíteto especifico do binomio (p.e. Doris adrianae Urgorri & Señarís, 2021, especie que recentemente dedicamos á miña neta Adriana).

Galicia conta con moitos e notables zoólogos e zoólogas, tanto aquí coma fóra de Galicia que levan describindo innumerables especies novas para a ciencia, algunhas endémicas das nosas costas, ríos ou terreos emerxidos. Zoólogas e zoólogos de Galicia na UVigo, UDC e USC e noutras, UAM e UCM, levan descritas máis de 2.000 especies de: insectos tricópteros e coleópteros, oligoquetos, poliquetos, cnidarios, briozoos, poríferos, crustáceos, moluscos e moitos grupos zoolóxicos máis. Só o doutor Rolán leva descritas máis de 1.100 especies de moluscos, dos que os seus tipos e colección están depositados no Museo Luis Iglesias da USC.

Os zoólogos taxonómicos desenvolven unha investigación básica, da que inconcibiblemente a sociedade, e mesmo moitos colegas, consideran que non serve para nada, pois para eles non ten aplicabilidade, aínda que deberían saber que non existe investigación aplicada se previamente non hai unha investigación básica (confronten coa información sobre o fármaco Aplidin). Eu aos meus alumnos explícolles que se Pierre e Marie Curie, descubridores dos elementos radio e polonio, xunto coa radioactividade, non fixeran esa investigación básica os seus descubrimentos non terían a aplicabilidade e transcendencia que despois tivo para ben e para mal e que, sen dúbida, ningún organismo a financiaría hoxe, porque a priori non serviría para nada; unha radiación, para que?

E unha clara evidencia da insignificante importancia que se ten da investigación básica dos zoólogos e a súa consecuente invisibilidade témola na RAGC, na que nin hai, nin houbo nunca ningún zoólogo como académico, a pesares que foi un zoólogo, o profesor doutor Luis Iglesias, un dos seis promotores da RAGC, pero que nunca chegou a ser académico, pois faleceu seis meses antes da constitución da RAGC en xullo de 1978, e parece ser que ao longo destes 43 anos non houbo ningún outro que tivera a categoría científica necesaria para que o sucedera. Para que se dean conta da nosa invisibilidade, pensen que as científicas que sempre foron o colectivo máis marxinado, agora tiveron a sorte da exigua inclusión de dúas académicas, pero ás zoólogas e zoólogos nin chisco. Isto é o que hai e así nos vai.