As colas do Gaiás

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

XOAN A.SOLER

18 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A min tocoume Santiago. Pero tamén en Pontevedra, Monforte, Vigo, A Coruña... a xente acode disciplinadamente á cita coas dúas pinchas, que é como lle din os paisanos. A primeira e a segunda pincha. O sol petaba con forza na chaira lousada do Gaiás o pasado venres, mais alí estaban dende primeira hora da mañá, aturando estoicamente a calor, varios centos, se cadra algúns miles de persoas. Dende Buenos Aires, Río de Janeiro, México, Caracas, chegan noticias amigas expresando a preocupación pola escalada de infectados e insuficiencia de vacinas. Non digamos dende África (Angola, Mauritania). «Aquí non levamos conta do virus. Dos estragos encárgase a fame», din os amigos.

O século entrou coa catástrofe das Torres Xemelgas, en setembro de 2001. Era a mostra da furia e da impotencia, tamén da fraxilidade do sistema, aparentemente tan poderoso. As desigualdades no mundo (no gran mundo e no pequeno mundo das realidades domésticas) producen estas feridas. Logo veu a crise económica, que as agrandou aínda máis, xa non entre países opulentos e pobos sometidos, senón dentro dos propias sociedades do benestar. O verso de John Donne ten razón: ninguén é unha illa, todos formamos parte dun inmenso continente no que o erro máis común é pensar que existen solucións particulares. Se nalgún momento alguén pensou tal cousa, a globalización, esta aldea enorme que habitamos, sen distancias e apenas sen fronteiras, demostra que o horizonte da esperanza fundaméntase no discurso común da solidariedade, a xustiza social, institucións e principios para compartir e respectar, todo o contrario do egoísmo individualista que impón a lei do máximo beneficio, chegar a encher, a lei de Darwin: os fortes sobreviven e os máis pequenos ou máis débiles se extinguen. O capitalismo, que Sarkozy quería refundar logo da crise do 2008, lembran?, afinca sobre estes principios.

Hai meses, cando os primeiros pasos da pandemia, escribín unha marea que titulaba algo así como «aprendermos a vivir». O debate dos últimos tempos introduciu un discurso que moitos repetían case coma un mantra: desta sairemos máis fortes, moito mais responsables, moito mellores. Está por ver, sinceramente. Algo tan sinxelo e tan elemental como a palabra sentidiño, que todos os galegos e galegas entenden, segue sendo un fermoso desexo, unha declaración retórica de intencións que logo, na práctica, esquecemos. Certo que a vacina é fundamental. Un dos problemas graves que ten o Terceiro Mundo e mesmo algunhas sociedades ás que fixen referencia máis arriba é a ausencia ou escasa subministración de vacinas, nalgúns casos condicionada polos intereses do capital e o xogo dos novos imperios que, igual que hai miles de anos, pelexan pola dominación do planeta. De seguir así, se cadra chegamos tarde. Somos moito máis fráxiles do que imaxinamos.