Miserábeis

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

17 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitos anos despois de que paseasen a Federico García Lorca, a policía franquista emitiu un informe dicindo que fora asasinado por «socialista y masón», e tamén porque facía «prácticas de homosexualismo». A memoria popular, en cambio, insistiu desde aquel noxento 18 de agosto de 1936 que o fusilaron e profanaron o seu corpo mentres proferían berros de moda na época: «¡Rojo! ¡Maricón!».

Que pouco pasan de moda as atrocidades.

Non deixo de pensar en Samuel como un Federico extemporáneo que saíu unha noite coa tranquilidade dun mundo convulso pero libre, para bater cun revival soberbio dos miserábeis que, nunha medranza sucia e angustiosa nos últimos anos, vive a liberdade coma afrenta. Iso si que é unha saída do armario: a dos hooligans entolecidos que, apropiándose dun concepto de España e empuñando bandeiras que hai tan só cinco anos significaban outra cousa, volven aos fusilamentos, aos paseos, á violencia contra quen, simplemente, non é un imbécil sen escrúpulos con patente de corso para dar malleiras e matar.

Samuel, coma Federico, non era diferente. Non caiamos nese erro que fai crer aos energúmenos que algún motivo hai para temer a outra persoa. Samuel era como lle petaba. Diferentes, erros da natureza humana, iletrados na educación e na moral son xustamente os outros, eses tres, catro ou sete que o mataron a paus animados polo mesmo berro que matou a Federico hai 85 anos. Claro que non pasou de moda. Só mirabamos para outro lado. Algunhas das persoas ás que máis quero nunca se deitarían comigo. Se merecen morrer por iso, báixome deste país que volve dar noxo e vergoña, porque está permitindo que campen os miserábeis nunha noite dun verán calquera, coma aquel do 36 en que Lorca foi fusilado por maricón.