Gústame

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

DADO RUVIC | Reuters

16 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Maruxa pediume un bolígrafo e colleu a súa revista Burda de marzo de 1980. Escoitárame dicir que unha das teas que tiña a carón da máquina de coser era perfecta para facerme un chaleco deses que disimulan o corpo. Así que púxose a buscar na Burda de hai corenta anos un patrón para facer o meu chaleco. Cando o atopou, escribiu «este para Cris», e sentou a copiar o padrón.

Mentres tanto, eu estaba tentando responder algúns deses e-mails que levo tan retrasados, e daquela entrou o Xan para comentar que xa tiña tres mil seguidores en Instagram, e a miña nai preguntou que para que valía iso. Entón comecei a explicarlle que era Instagram, e decateime de que non teño moi claro o que é, pois non fun capaz de dicir nada mellor que «é un lugar na Rede no que a xente sube as súas fotos para ver se lle gustan a outra xente». Despois preguntoume se á xente lle gustaban as fotos doutra xente, e contesteille que non só gustaban senón que o éxito en Instagram era conseguir moitos gústame. E comezamos a falar da importancia dos gústame e do moito que inflúen no xeito de entender e amosar a vida das novas (e non tan novas) xeracións.

Comenteille tamén o que aprendín naquel documental que vin sobre os chamados influencers (literalmente influentes), e sobre o negocio que hai tralos gústame e os seguidores. Pois na Rede unha pode mercar seguidores, gústames e incluso comentarios.

Ela mirou para min algo confundida, e nese momento pensei no pouco que tiña matinado eu sobre a irrealidade da situación (mercar gústames?). Colleu as gafas de novo e comezou a cortar a tea. Rematou o chaleco ao final do día, xusto cando o Xan chegou a tres mil e un seguidores.