1936 ten historia

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

06 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado incómodo ten historia e necesita un novo relato público a estas alturas do século XXI. As declaracións de Pablo Casado provocaron enfado en historiadores da Guerra Civil como Julián Casanova e vergoña allea en Francisco Espinosa. Pero o escándalo desatado pola absurda frase agochou a noticia de que o grupo de extrema dereita do Parlamento europeo vai financiar o libro de «contramemoria histórica» dun par de historiadores resesos e unha ducia de propagandistas vinculados ao partido neofalanxista español. Os historiadores estamos tan encantados do interese polo pasado como precavidos co seu abuso interesado.

Pasado. Non houbo unha guerra que empezara ou estalara hai oitenta e cinco anos, senón un golpe de estado en cuarteis, gornicións e arsenais contra as autoridades militares, para así poder derribar ás políticas. Nada tivo de civil e menos de fratricida, agás para a literatura e o NODO do tardofranquismo. As memorias familiares saben ben que cada quen estivo «onde lle tocou caer». Aquela guerra comezou a finais dese ano, cando os militares sublevados aceptaron o fracaso das catro columnas coas que atacaron Madrid, e explícase no contexto do auxe duns fascismos que as democracias querían aínda aplacar para manter a paz. Gañárona os fascismos, que apoiaron ao bando que lles ofrecía un novo aliado -e non pequeno- que lles valeu para pórse definitivamente de acordo no teatro xeo-estratéxico da época.

Presente. Dende a recuperación da democracia nin os historiadores fomos quen de establecer a superioridade histórica e política da democracia republicana. O peso da reconciliación, como basamento da democracia actual, transitou en corenta anos de instrumento político para a consecución das liberdades pola oposición antifranquista ao tótem dun relato político sen fundamento nin rigor histórico que dificulta a comprensión do pasado. O relato do pasado incómodo baseado na reconciliación posterior retrotrae ao pasado valores e, sobre todo, desexos do presente. A historia ficción fácil de consumir, impúxose no relato do pasado ao servizo do ideal de reconciliación sobre tres ideas enlazadas: todos cometeron barbaridades, pero eran irmáns e por iso souberon reconciliarse ao final. E convive coa historia de bando, destinada a contar as barbaridades respectivas, coa condición de servir tamén ao presente relato reconciliador. Esas dúas visións do pasado, a da ficción e a das barbaridades irrepetibles, poden servir ademais ao relato político dos propios e ao combate dos alleos.