Todas somos un pouco gays

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

CAIB

Nos 50, Alfred C. Kinsey, un biólogo antediluviano nacido hai cento trinta anos, elaborou unha escala de 0 a 6 para graduar a homosexualidade humana. Concluíu que só unha pequena porcentaxe estaba no 0 ou no 6, ou sexa, que a maioría das persoas somos un pouco homosexuais, unha idea que, por suposto, foi discutida, pero que nunca se contradixo totalmente. En España, o 6,9 % da poboación declárase LGTBI, unha porcentaxe só superada por Alemaña, co 7,4 %. Hungría está no extremo oposto, con só o 1,5 %, e por iso o partido Alemaña-Hungría da Eurocopa foi un bo símbolo no que a UEFA se cubriu de gloria vetando a iluminación coas cores da bandeira arco da vella en protesta contra a lei LGTBIfóbica húngara.

Onde se agochan os futbolistas homosexuais? Por que han de ocultarse, mentir e sentir o odio de gradas e clubs coma se, en lugar de ter unha determinada orientación sexual, tivesen a peste? Nalgún recanto dos vestiarios ateigados de tatuaxes e testosterona comparece esa porcentaxe de homosexuais que din as estatísticas, e os grandes eventos deportivos coma a Eurocopa serían espazos idóneos para non sucumbir á estupidez e amosar a simple normalidade libre, esa na que a escola educa a futuros xogadores ou seareiros que fóra ven que a homosexualidade é antideportiva coma o doping.

Sempre crin que o Informe Kinsey só pretendía dar validez científica á obvia liberdade sexual. Porque nesta Europa hipócrita, o sexo é íntimo só ata que un homosexual decide comportarse igual que un hétero. Só entón o sexo é público. Axuizado. Non vaia ser que alguén se descubra un pouco gay e, como di a palabra, sexa feliz á marxe de formas de poder que só interesan a uns poucos señoros de puro, coñac e Barbie no catre.