Pagar un recibo

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

25 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Collín a carta de pagamento e vin que tiña que pagar a taxa en persoa, que non había xeito de facelo nin polo caixeiro nin por transferencia, pois o documento oficial precisaba do selo do banco. Entrei na oficina bancaria durante ese momento do día no que aínda permiten a humanos interactuar con outros humanos, e fun coller número a unha maquiniña que me informou de que tiña sete persoas diante.

Sentei e que quedei pasmando: mirando a xente que esperaba, mirando a pantalla que anunciaba as quendas, mirando a única persoa que estaba atendendo ao público... Logo de quince minutos decateime de que os números da pantalla non cambiaran, a pesar de que xa pasara algunha xente polo mostrador. A señora que estaba ao meu lado preguntoume se ía antes ou despois ca ela. «Vai vostede primeiro», respondinlle. Pero dez minutos despois, durante os que a pantalla non cambiou pero outra xente pasou, respondín sen ser preguntada: «Serán dos que colleron a opción de que te avisan ao móbil para non esperar na oficina». E alí seguimos, mirando para a pantalla, esperando a nosa quenda.

Pasados corenta minutos, fun preguntar se non había alguén máis para atender aos que estabamos esperando a que saíra o noso número. E o home, sen sequera mirarnos, respondeu: «A pantalla non vai, pasen cando vexan o mostrador libre».