Vou evocar un tempo no que pedir amnistía, solicitar indultos, substituír longas penas de cadea por medidas rehabilitadoras ou preferir a vía da discusión política ás penas de cárcere estaba considerado un trunfo da civilización, unha aposta pola convivencia superadora de pasados intolerantes. Non me refiro á Transición como pensarían vostedes de contado. Non. Falo do tempo inmediatamente posterior á folga xeral de outubro de 1934 que na conca mineira de Asturias converteríase nunha violenta acción con asaltos a casas cuarteis e asasinatos que deu lugar a unha intervención militar do exército español de África chea de abusos e máis mortes.
Ao longo de 1935, á vez que se producían os xuízos contra os participantes naquelas accións violentas, foron aparecendo moitas iniciativas cívicas para evitar a máis que posible aplicación de penas de morte contra os principais responsables. A pena de morte, abolida pola República, non desaparecera aínda do Código de xustiza militar e a declaración do estado de guerra amparaba esa rotunda vía punitiva. Daquelas iniciativas vénseme á cabeza un pedimento de clemencia aparecido nun xornal católico e conservador da capital de Galicia, impulsada polo profesorado universitario e na que participaban todos os catedráticos máis coñecidos daquela, o químico Batuecas, o xurista e deputado da dereita católica Felipe Gil Casares, o médico Jorge Echeverri ou o farmacéutico Francisco Giral; estaban tamén os mozos Parga Pondal ou López Durá. Os dous primeiros acabarían ao ano seguinte seriamente implicados na administración colaboracionista do golpe de Estado, os últimos sufriríano, Giral máis que outro, mesmo por fillo.
Eran os anos trinta, en Europa e América os liberais, os demócratas, os sindicalistas e algunhas esquerdas enfrontaban o ascenso dos totalitarismos con máis confusión e torpezas que intelixencia e seguridade. Como sempre que algo acontece por primeira vez na historia, ou na vida. Tempos convulsos dos que lembramos máis a deriva fascista que a fortaleza civil e civilizada, o que levou ao enfrontamento ou xustificou a guerra ou o golpe que o que nos descobre un pasado democrático. Este mundo é o que interesa rescatar, o outro o que compre previr.
Hoxe estamos nun tempo no que non pedir o cumprimento íntegro das condenas ou solicitar medidas de graza enténdese como unha cesión máis que unha concesión, unha humillación máis que unha gallardía, unha covardía máis que unha valentía, unha contribución á guerra máis que unha medida de paz. Unha rebaixa moral máis que un triunfo da política. Se estivésemos falando das cesións europeas ante Hitler podíamos concordar. Non é iso. Sabíano ben os que lograron separar aos asinantes de 1935 en dous bandos.