Concordia e Constitución

Gonzalo Caballero SECRETARIO XERAL DO PSDEG-PSOE

OPINIÓN

ALBERT GEA | Reuters

22 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En democracia, a política faise dentro do Estado de dereito. E por iso cómpre buscar o interese xeral sempre dentro da Constitución e nunca á marxe da mesma. Empregar os instrumentos legais existentes para tentar construír un futuro mellor non só é algo que o noso ordenamento xurídico ampara, senón que é algo que o executivo debe sempre facer.

Sabemos que cando alguén quebra a legalidade democrática sae do espazo da política lexítima, e cómpre facer cumprir o imperio da lei. Así foi como os tribunais condenaron a varios políticos independentistas cataláns que levan en prisión tres anos. Pero sabemos tamén que os conflitos políticos e sociais de envergadura deben enfrontarse con enfoques e perspectivas que van máis alá dunha resposta simplemente xurídica ou punitiva. Requírense solucións políticas sempre dentro da lei e da Constitución.

Se o propio Estado de dereito e a mesma Constitución incorporan a posibilidade do indulto, e o Goberno considera que esta vía pode facilitar o reencontro e a concordia, esta vía debe abordarse. E dígoo a pesar de que esta é unha vía de incertezas. Pero o camiño da concordia marcou xustamente o tempo dunha Transición que nos ensinou que cando nos reencontramos, fortalecémonos. Moitos esquecen que a propia Constitución foi un acto de reconciliación. E o máis rechamante, que cando seis anos despois houbo un golpe de Estado o 23-F, os tribunais sentenciaron e o Goberno acabou indultando.

Eu non son nacionalista e rexeito o separatismo e o independentismo porque creo nunha España plural, federal e constitucional na que todos cabemos. E tamén rexeito que os independentistas cataláns saltasen as normas na procura dun conflito co Estado, pero teño clara a importancia de avanzar na busca de solucións que faciliten retomar a senda da convivencia. Porque creo, como dixo o presidente Pedro Sánchez, que neste caso «o futuro debe importar moito máis que o pasado».

Creo firmemente en que todos debemos respectar o marco legal e democrático á hora de enfrontar os retos do noso país. O uso do indulto está establecido no marco constitucional, polo que pouco aportan as posicións maximalistas e estreitas dunha dereita baixo cuxo goberno sucedéronse referendo ilegal e declaración unilateral de independencia. As receitas da dereita deron máis problemas que solucións. É un momento no que cada un ten que saber onde está. Abrazarse á ultradereita na praza de Colón, como fai o PP, non favorece que entre todos poidamos construír o futuro; pero tampouco abrazar ao independentismo catalán sen recoñecer os seus excesos, como fai o nacionalismo galego, propiciará solucións. Para rematar, unha cita dun presidente que a dereita referencia, Adolfo Suárez: «Non podemos prescindir do esforzo que todos xuntos temos que facer para construír unha España de todos e para todos».