A todo gas

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

PRESIDENCIA COLOMBIA

Primeiro envioume unha mensaxe o meu primo Gerardo. Dicía: «Sanli, moi bo». Eu non entendín nada ata que me chamou por teléfono ao cabo de cinco minutos. Era só para preguntar como me sentara a segunda dose da vacina. Tiven días mellores, a verdade. Pero el conseguiu arrincarme o primeiro sorriso do día. Despois Sanli (a nova fichaxe do meu equipo de baloncesto) converteuse en Sali. Finalmente, creo que o primo Gerardo dixo Sanlín. Pero non me fagan caso, o sábado pasado eu estaba en transo por mor da segunda dose. E nese transo somnolento me encontraba cando de novo soou o teléfono. Era para o mesmo. Para saber como me sentara a segunda de Pfizer. O Mariló. O primeiro que me dixo foi que sacase o caderno e anotase o sintagma «sei cando estorbo». Eu non entendía, pero anotei o que dicía o Mariló. Despois contoume que ao Mincho, un dos seus traballadores, a segunda dose tamén o tumbara. Pero non de todo. Porque o Mincho non é coma min, que segundo o Mariló paso o día «pensando tonterías». Hai tempo que me invita a pasar unha semana traballando con el, por riba dos postes ou colocando farois. «Así curarían todos os teus males», engade. Eu, que xa non sabía que dicir e só quería que colgase, pregunteille se seguía engordando. Contestou que non estaba preocupado con ese asunto. Eran gases. Distingue perfectamente cando engorda por comer ou cando engorda por razóns «interiores». Son gases, insistiu. E volveu chamar o Gerardo. Contoume unha chanza para alegrarme. Aquel que vai ao médico e di: «Engordei, doutor, síntome con gases e feo, que teño?» O médico contesta: «Tes razón». En ocasións creo que, entre eles, levan unha trama para que eu escriba estas columnas. A todo gas.