O undécimo

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

10 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Paco Mariló é un profesional eficiente. Porén, ten os seus hábitos. Ás sete e media pecha o local e diríxese ao Fidel's. Pide unha caña, porque ten moita sede despois dun día batallando, e intenta relaxarse discutindo co Juan Ramón. Non é unha contradición. Ambos, discutindo, cálmanse e botan a mala uva que en ocasións se acumula nas arterias. O Juan Ramón domina o asunto do bitcoin. Intenta explicármonos de qué vai o choio e o Mariló de seguida lle para os pés: «Todo aire». É un clásico. O Paco Mariló sostén que non se pode investir na bolsa nin noutro tipo de produtos que, segundo el, «están feitos para amolar aos parvos coma ti, Caneiriño». Estes días non dá recuperado o humor. E todo porque o venres pasado recibiu unha chamada. «Dígameee». Un cliente pedíalle que agardase por el dez minutos porque tiña que mercar cables, chaves, instrumentos eléctricos. Os venres é o gran día do Mariló. Desconecta do traballo. Devece pola chegada das sete e media. A caña. A discusión co Juan Ramón. O venres pasado non puido ser. Esperou os dez minutos que solicitara o cliente. E trinta. E unha hora. Xa eran as oito e media. Chamou ao interfecto. «Oe, que eu teño que marchar». «Xa vou, Mariló, estou aí en cinco minutos». Pasaron cinco e dez e media hora. Volveu chamar o Mariló. Estresado, case rabioso. «Marcho», díxolle ao tipo. O outro quería falar pero o Mariló non llo permitiu. «Ti vas moito a misa, non?», preguntoulle ao cliente. «Coñeces os once mandamentos?», engadiu. «Non son once, dez». «Once», insistiu o Mariló. O outro non respondeu. «Undécimo mandamento, non molestarás!», gritou o Mariló. Colgou o teléfono. O Juan Ramón, as nove e media, seguía esperando no bar.