Recoñocemento social e medio ambiente

Higinio Mougán LIÑA ABERTA

OPINIÓN

miguel Villar

08 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos problemas importantes que ten o sector agrario e gandeiro en Galicia é facerse ver e darse a valer ante o resto da sociedade polos recursos xerados no sector primario para as sociedades, as diferentes administracións que nos gobernan e o conxunto do país. Escasean estudos e traballos que dean visibilidade e poñan en valor a agricultura e gandería. Ben seguro que feitos os estudos axeitados axudarían a fomentar o recoñecemento e o orgullo entre as persoas produtoras e animar ao relevo xeracional entre a mocidade.

Só recuperando o orgullo do sector primario poderemos afrontar o chamado reto demográfico e o despoboamento que sofren amplas zonas do noso rural. Tamén escasean profesionais centrados na comunicación no sector primario e no medio rural. Non poderemos reverter a situación se non logramos comunicar axeitadamente, incluso dende o propio movemento cooperativo.

A sociedade, en xeral, debe coñecer a importancia da agrogandería como sector clave (económico, social, ambiental) para Galicia. É obrigado que a poboación recoñeza o peso do sector primario en aspectos como o patrimonio natural e cultural, a paisaxe, a calidade alimentaria e outros valores de tipo medioambiental ao servizo de todos, como enerxías limpas renovables, captura e almacenamento de CO2, ampla superficie de desfrute, calidade de vida e servizos ecosistémicos. A sociedade galega e española teñen que recoñecer e comprender o enorme beneficio que achega ao resto da poboación.

A destrución dos ecosistemas naturais existentes grazas á actividade agraria e gandeira, xunto co despoboamento e o abandono, deterioran brutalmente o medio ambiente. Investir na produción agrogandeira é investir de xeito importante en medio ambiente, a pesar de todos os pesares, e pese a quen lle pese. Sabemos que puntualmente a profesión agrogandeira pode cometer erros ambientais, pero a paisaxe, a biodiversidade e as características do rural manteranse se hai unha variedade de usos e se mantén a produción agraria e gandeira. Se non se usa a terra para a produción primaria desaparece unha parte importante dos servizos sistémicos, perderemos a paisaxe e perderemos o patrimonio agrario e cultural (as variedades, os alimentos típicos…). E o abandono non é máis natureza, como pensan algúns. O abandono é máis lume, máis CO2 na atmosfera, máis pobreza patrimonial, cultural e económica. Así de simple.

Manter estes servizos ecosistémicos e culturais será gratis sempre que teñamos persoas agricultoras e gandeiras. Estes servizos axudan a combater o cambio climático, manteñen a biodiversidade e colaboran na saúde das persoas, na economía xeral e na calidade de vida da sociedade. Como se poden desenvolver os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) para as persoas das cidades sen unha actividade agraria e gandeira no rural? Onde se vai producir a enerxía eléctrica renovable? Onde imos capturar o CO2 emitido polas cidades e industrias? Como van lograr a neutralidade de emisións as cidades e as industrias sen o rural? A agricultura e gandería, co conxunto do noso medio rural, contribúen á saúde ambiental xeral do territorio: achegan espazos de desfrute, montes, e ríos.

Os agricultores e gandeiros levan séculos desenvolvendo modelos de bioeconomía circular, que agora se potencian co desenvolvemento sostible e un contacto máis directo coa natureza. Esta interacción humana co entorno que practican as persoas responsables da agrogandería nunca foi unha acción extractiva, pois levaría ao empobrecemento xeral da produción, aspecto que non sucede polo propio interese da profesión.

A valoración económica aproximada destas externalidades medioambientais debería axudar a dar visibilidade á contribución do ecosistema primario ao benestar humano non só en termos económicos, senón tamén en termos ecolóxicos. O sector primario contribúe á saúde medioambiental da poboación xeral converténdose nun actor clave contra o cambio climático.

Urxe dignificar o sector gandeiro, que sempre estivo ao pé do canón para subministrar alimentos á sociedade. Por iso, non nos cansaremos de reclamar un prezo xusto polos produtos e o mantemento do medio rural, as tradicións, costumes e paisaxe que forman parte intrínseca da nosa cultura.