Zarpa de león

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

03 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Manolo da silla era o noso veciño. Cando eu nacín, o Manolo xa estaba alí arranxando zapatos. Un tipo entrañable. Excelente persoa, e con alma de artista. Creo que escribín os meus primeiros poemas grazas ao Manolo. Eu sentaba na escaleira da señora Generosa a ler libros, revistas, o que caía nas miñas mans. El dicíame: «Carlitos, vas ser escritor». Andaba coa cámara de fotos, imaxinando imaxes que só el podía ver. Falaba de filosofía, literatura, e tiña unha visión da vida diferente. Eu quería moito ao Manolo. Marchou e non puiden nin sequera despedilo. A dor é así de traidora. Pero non vou poñerme triste. Non. O Manolo, di o primo Gerardo, aínda lle debe unha. Xuntábase a cuadrilla na súa casa. Oito ou nove metros cadrados. Un catre para durmir e as súas ferramentas de zapateiro. Ían os mozos só a escoitar as historias do Manolo da silla. Enganchounos un conto de título ben curioso: Zarpa de león. O meu primo Gerardo só lembra que se levantaba cada mañá, nas vacacións que lle daban os Hermanos de La Salle, para escoitar ao Manolo. Un león, unha historia conmovedora, e un final que non chegaba. «Mañá seguimos», dicía o Manolo. Pero antes, a cuadrilla do meu primo Gerardo facía todos os recados que o Manolo solicitaba: ir por auga, ir comprar, limpeza, etcétera. Xa de maior, o meu primo preguntoulle cómo acababa a historia do león. O Manolo riu. Non dixo nada. A pasada semana, o Gerardo díxome: «Cando o vexa no outro barrio hei de preguntarlle cómo acabou o león». Estou seguro de que non ha de contarlle o final. Porque as historias fermosas nunca rematan. Quizá a única felicidade consiste en esperar a felicidade. O Manolo da silla deixoume esa lección.