Se dona Emilia levantase a cabeza!

Xulia Santiso DECOTÍO

OPINIÓN

María Pedreda

03 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Lémbranse vostedes de cando unicamente se podían ver as torres de Meirás desde lonxe? A sensación que producía? Impotencia é unha boa palabra, sobre todo para os que sabiamos que eran o produto da mente privilexiada dunha muller amosando sen falsa modestia a súa grandeza. Cunha ollada ao edificio podíamos presentir o carácter e as intencións da súa artífice, mais as pegadas da presenza de Emilia Pardo Bazán, as claves da súa iconografía, pecháranse en 1938.

No 2017, no curso do traballo que dirixín nas torres (a catalogación dos libros da escritora que aínda fican alí e que permitiu declaralos BIC) os sete integrantes do equipo fomos testemuñas privilexiadas do devir accidentado da vivenda. Por suposto que se conservan nela pegadas da ocupación (e a historia nunca debe ocultarse porque hai que aprender dela) pero esta non foi quen de borrar a presenza de dona Emilia. Foi ela quen deseñou cada capitel (a coroa condal e a de loureiro, dos heroes e os poetas, encabezan os balaústres da escaleira que baixou a súa filla Blanca o día da súa voda). As xanelas amosan a liñaxe familiar. Se ata tatuou algún título nos muros! E deixou baleira de armas a torre da Quimera (a de Levante, a do homenaxe, que hoxe si leva un escudo persoal) e no seu lugar mandou colocar a ese animal fantástico, a quimera, ou a emoción eterna por anhelar a arte. Que dicir do balcón das musas, iconografía múltiple que desvelará un canon propio, complexo e intelixente coma ela. E nesa estancia, o seu cuarto propio onde aínda está a súa mesa de traballo, na fiestra que da ao amencer, mandou picar dúas palabras, «miedo» e «envidia», como esconxuro de auténtica galega. Incluso no exterior, aumentado ata case duplicar a superficie inicial, quedan pegadas desta grande muller, da que o xardineiro dicía que co seu sangue podían facerse «medeciñas»…

Este centenario vai cumprindo expectativas. A cadeira 47 da RAE, a modo de recoñecemento póstumo. O recoñecemento da necesidade de saber de datas para colocala na súa época. A creación da Asociación pro Legado de EPB, que tenta cubrir baleiros. Rodéannos algunhas frases maxistrais, (das que ten moreas). As reedicións véndense copiosamente e a súa lectura deriva en respecto e admiración… Pero queda Meirás. As torres de Meirás sen ela non terían existido. Fai falla algo mais para reivindicar á súa presenza nelas? Este ano, que xa vai pola metade, converterase nunha ocasión perdida para que Galicia enteira, o mundo enteiro, poida acceder a elas? Non se poderán poñer de acordo os que discuten porcentaxes? Ai, se dona Emilia levantase a cabeza…!