Tapabocas

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Cézaro De Luca | Europa Press

21 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

É incómoda, pero xa me afixen a ela. Ás veces esquézoa, e ao chegar ao portal teño que volver subir os cinco pisos sen ascensor do meu edificio para collela, mais aínda non se me pasa pola cabeza non levala nos lugares públicos. É curioso pensar que algo tan sinxelo coma un tapabocas pode facer a unha sentirse máis segura. E tamén é curioso pensar que, de súpeto, en días ou semanas (dependendo de onde se atope unha), xa non será obrigatorio levala posta cando esteamos ao aire libre.

Éme imposible imaxinar como me sentirei con respecto a iso cando chegue o momento. Pode ser que deixe de poñela cando non sexa obrigatoria e que nin pense moito no tema, ou pode ser que faga o contrario e a leve de seguido. Ou que me pase coma naquela época na que andaba de xira por China tódolos anos, que, se vía unha persoa con ela posta, aló ía eu a poñer unha.

A realidade é que neste ano cambiaron moito moitas cousas. Eu incluída. E eses costumes que tiñamos por defecto víronse alterados radicalmente. Hoxe xa non me resulta tan incómodo non achegarme á persoa coa que estou falando, ou non saudar cunha aperta, bico ou apreixo de mans; nin me resulta difícil non xuntarme máis que cos meus, e supoño que eses novos costumes irán mudando segundo vaiamos avanzando. Pero non podemos predicir que faremos, e probablemente cada un de nós terá a súa opinión acorde coa súa experiencia durante este ano.

Quizais o máis importante sexa seguir pouco a pouco adaptándonos a esta nova etapa que aínda non sabemos nin como será, sen esquecer que o que pasou durante este ano e pico aínda está aí, ben presente, na memoria de todos aqueles que tanto perderon durante esta pandemia.