Unidade

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

20 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende que vacinaron ao meu primo Gerardo, mudou a miña vida. Xa podo escoitalo en directo. Antes era distinto. Todo telefónico. E no teléfono, el gana sempre. Un día díxome que era importante adquirir a «unidade» de rabaño para saír desta peste covid. Eu comenteille que non era «unidade», senón «inmunidade». El, que é tipo listo, contestou: «Efectivamente, neno, iso é o que dixen». De nada vale discutir con el. Porque diga o que eu diga, se non o teño diante, impón o seu criterio. Porén, quero afirmar que dixo «unidade» de rabaño. De nada vale o que eu pense. Chamoume, minutos máis tarde, para sinalar que en realidade quería dicir «humildade» de rabaño. E despois, «impunidade» de rabaño. Deulle voltas aos argumentos ata convencerme. Era visto que a grei, o rabaño, somos nós. O pobo. Humildes e facendo o que as autoridades estimen conveniente. Aplaudín os seus razoamentos e parecéronme sólidos. Efectivamente, el dixo inmunidade de rabaño e non o que eu escoitei: «unidade» de rabaño. Sempre foi así ao longo da miña vida. Dende neno, cando me metía na súa cama para que me contase algunha historia inverosímil, ata hoxe mesmo. O primo Gerardo ten o don da convicción. Anda frenético estes días para facerme ver que unidade e inmunidade son a mesma cousa. Que todos debemos estar xuntos para derrotar este virus canalla. Eu dígolle que si, Gerardo, que si. Pero non é suficiente. Cando sae Feijoo no televisor, el afirma: «Gran presidente». E cando sae Sánchez, o mesmo. Eu argumentei: «Gerardo, non se pode estar con Sánchez e con Feijoo ao mesmo tempo. Son contrarios». El, sen inmutarse, respondeu: «Unidade, neno, unidade». Aínda estou pensando qué quixo dicir o primo Gerardo.