A lingua morta

Inma López Silva
inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

LOLITA VÁZQUEZ

17 may 2021 . Actualizado a las 12:20 h.

Nos cenáculos literarios fantasiamos a miúdo co ano que nos dediquen o Día das Letras Galegas. Entre unhas copas, poñemos a nosa creatividade literaria ao servizo de tramas en que matamos alegremente aquel autor ou aqueloutra escritora, só para imaxinar as perversións que diriamos en conferencias varias. Outras veces, simplemente botamos un cálculo rápido ao montante en dereitos de autoría que cobrarían uns herdeiros que tampouco é que apreciasen no seu momento o oficio literario do seu pai. Logo está ese momento divertido en que me matan a min, e acudo impasíbel á conciencia de quen me rodea de ter que construír un relato medio certo e medio falso que me faga digna de merecer a gloria dunha cultura que tan necesitada segue de motivos para sentirse máis viva cá súa literatura falecida. 

Nos cenáculos a miúdo pensamos, tamén, no superávit celebraticio desta cultura funeraria e xerontocrática así que pasen cincuenta ou cen anos e non viva xa a lingua na que escribimos unha chea de autoras mortas que agardamos na ringleira ordenada para o Día das Letras Galegas. Quen nos lerá daquela? Para quen pontificarán os nosos estudosos? Quen traducirá para os estudantes a nosa obra practicamente incomprensíbel produto dun tempo pasado de moda? Como explicarán ás nosas herdeiras que, perdidas en aparencias baleiras, non soubemos ver que se esfarelaba nas nosas mans o futuro da mesma lingua que sustenta esta literatura?

Prefiro que nos celebremos mentres aínda esteamos vivas. Prefiro os esforzos para que iso das mil primaveras non acabe sendo unha frase que alguén teña que traducir usando o dicionario de galego como lingua morta editado por editoriais estranxeiras que viñeron rapinar as migallas dun fasto rendíbel un mes ao ano.