Liberdade espasmódica

OPINIÓN

Lorena Sopêna i Lòpez | Europa Press

12 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un faise a pregunta de que lugar ocuparía se aínda fose mozo e lle tocase vivir esta longa experiencia de restricións. No meu caso non o teño claro porque despois de máis de un ano de pandemia, con moita xente aínda agardando para ser vacinada, o cansazo é tan esmagador que fai que devezamos por volver ao punto de partida, cando eramos felices sen o sabermos. Ese desexo de estar de novo fisicamente no mundo, despregando unha liberdade desaforada, ateigada de apertas e bicos, é entendible, sobre todo, se apenas tes dezasete anos e estás en primavera. E se resulta doloroso ver como a esmorga se amplifica estes días nalgunhas cidades, con escenas semellantes ás de fin de ano ou á celebración dunha copa do mundo de fútbol, temos que nos preguntar por que unha boa parte da sociedade está a facer unha equivalencia entre o final do estado de alarma e o remate da pandemia. Sospeito que, por unha banda, se debe a certa irresponsabilidade política que confunde a liberdade con facer o que a un lle peta, dándolles azos a esas actitudes que acaban por saltar todas as normas e desafían o sentido común. E, por outra, resulta incomprensible o desleixo do Goberno que aínda semella conmocionado polo acontecido nas eleccións madrileñas e deixa na incerteza a moitas comunidades autónomas, vítimas tamén dun caos xudicial de estudo. Con todo, teño para min que os mesmos que agora reclaman máis estado de alarma, pedirían o contrario se aquel se prorrogase dende a Moncloa. Sempre resulta doado ver o comezo das cousas, pero non tanto o final. A nosa esperanza non pode ser o pasado nin o cinismo. O futuro haberá que construílo entre todos, amodo, sen o delirio desa liberdade espasmódica que se intenta poñer por riba de todas as cousas, incluída a saúde pública.