Superioridade moral da esquerda

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

11 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Esa ladaíña repetida como se rezasen o rosario é unha das perlas preferidas pola extrema dereita para criticar á esquerda sen ter que empregar ningún argumento. Fartaríanse vostedes de escoitala ultimamente. Suponse que a esquerda presume dunha superioridade que a converte en elitista e polo tanto en minoritaria, á vez que a separa da maioría. O asunto vén de lonxe e de tempo atrás, da revolución conservadora da época de Reagan e Thatcher, mentres nós estabamos en plena movida de democracia nos oitenta. Aquí chegou a destempo e na boca de quen máis ten que calar.

A tal superioridade existiu, si, no século XX. Foi histórica, pero o presente pode esquecer e mesmo mudar o pasado. A dereita extrema atopou unha forma de conxurar e exorcizar a súa inferioridade a base de repetir a frase coma un mantra sen explicar nunca o seu sentido. Por iso cómpre explicala. A superioridade moral que queren ridiculizar existe e vén de 1945. En España vén de 1975. En Europa e no mundo procede da resistencia e posterior vitoria nunha guerra terrible que ninguén quere que volva. En España esa superioridade acéptase dende que morre o ditador, unha morte que todos, especialmente os seus partidarios, esperaban mentres programaban o futuro nunha Europa e nun tempo que marcaba o camiño dende había tres décadas. Un futuro con varias alternativas pero unha única dirección: monarquía ou república, con mais ou menos partidos legais, pero democracia pluripartidista con eleccións libres. Mesmo limitadas, como foron de feito as de 1977 con moitos partidos aínda ilegalizados e outros tolerados. O mesmo que algunhas ideas democráticas e medios de comunicación. Naquel tempo da Transición a esquerda tiña tanta lexitimidade que todo o antifranquismo confundiuse erradamente con esquerda. Tanta que o Movimiento Nacional na súa metamorfose escolleu chamarse Centro ou Popular, o antifranquismo democristiano -que antes fóra franquismo tamén- chamouse Izquierda Democrática e os ex-falanxistas de Ridruejo escolleron chamarse socialdemócratas. Explicar por que foi así daquela non é difícil, queríase escapar da orixe da ditadura que perseguía e fusilaba, da vella guerra gañada cos derrotados en 1945 que fora a única lexitimidade do réxime ata que empezou a facer estradas, polos de Desarrollo e a Lei Xeral de Educación, fuxir do partido único totalitario dos anos trinta chamado Falanxe.

Esa superioridade moral do antifranquismo, mesmo do de dereitas, foi a que explicou que o poder saído da ditadura aceptase por exemplo a creación das tres preautonomías galeuzkanas que tiveran estatuto na democracia previa e que, máis importante aínda, o termo nacionalidades referido a elas quedase escrito na Constitución actual. Conseguírono dende unha innegable superioridade moral Paz Andrade, Leizaola e Tarradellas.