Recuperaremos a ilusión?

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Xerardo estévez

08 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia xogou no medievo europeo un papel relevante que logo, no decurso dos séculos, foi indo a menos. A pesar dos sucesivos avatares políticos, desde que Fontán debuxara o seu rostro, Galicia volveu ter unha ilusión coral impulsada desde as diversas opcións intelectuais e ideolóxicas: Nós, que naceu na grande epidemia do século XX, o Seminario de Estudos Galegos ou o Museo do Pobo Galego co restablecemento da democracia.

Nas últimas décadas, o desenvolvemento do Estatuto e a súa gobernación por distintas alternativas foi dándolle credibilidade á autonomía, como agora lla dá, en certa forma, a xestión da pandemia, cunha oposición sensata. Pero Galicia xa non é tanto o que fomos e o que somos, senón o que queremos ser. Ou quedará reducida a nosa galeguidade, que debería darnos cohesión, a «vivirmos como galegos»? O difícil, neste presente onde a diversidade fai máis arduo se cabe elaborar un argumento común, é conxugar politicamente as distintas pertenzas, local, galega, española, europea, global.

O compromiso colectivo inmediato debería centrarse en tratar de que milleiros de persoas saian da sima da pobreza, en encontrar un espazo de relación económica do que entren a formar parte os paupérrimos, os estados falidos con guerras e ditaduras, os que collen o caiuco porque queren, os que forman nas filas da vergoña porque son uns mantidos, os que botan as contas para vivir cada día, xunto cos que non necesitan botalas, os que son ricos porque o traballan ou o herdan e que, ás veces, exhiben en demasía os seus beneficios. E sempre os xoves, desamparados entre dúas crises.

O papel da política é xusto ese, ser gonzo para o acrecentamento da democracia, estar atentos, interpretar e conciliar as demandas da cidadanía, desenvolver as ideas propias, facilitar o diálogo cos adversarios e consensuar os temas fundamentais e, ao cabo, os intereses electorais. Isto é, a política como solución e non como problema, tal como agora a vivimos. Políticos irreconciliables, sociedades rotas. Ou pensan eles que non é así?

Vencida a escuridade, xurdirá unha sociedade verdadeiramente solidaria? Europa, á súa maneira, e o novo presidente dos Estados Unidos están a sinalar un camiño de esperanza. Velaí esa metáfora, nun contexto paisaxístico global, entre uns restos que parecen amortallados polo paso do tempo, emerxe a árbore que florece sinalando o porvir; íspese e agroma, como a vida mesma.

Necesitamos cada día unha ilusión, algo tan sinxelo como pasear, ou unha aspiración case inalcanzable como unha sociedade sen odio.