Sopa de ganso

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

01 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Estaba claro que a campaña electoral do 4M en Madrid ía ser unha tolería porque hai protagonistas que semellan saídos da película Sopa de ganso; e a comunidade, unha nova Libertonia. Non é cousa de identificalos con personaxes concretos porque, agás Gabilondo, que lle vai de fábula o de Harpo, o mudo, os outros son quen de facer hoxe de Groucho, mañá de Chico e pasado de Margaret Dumont ou do cabalo que quita as ferraduras para durmir na cama. Isto non quere dicir que o elenco artístico da campaña estea formado por intérpretes excelentes. Que va! A maioría deles son comediantes malísimos, pero aplaudímolos, eloxiámolos e empoleirámolos na gloria política porque estamos tan afeitos que xa nos gusta comulgar con rodas de muíño.

Pablo Casado é un actor malo, malo, malo. O 21 de marzo levou ao Congreso unha proposta de condena do comunismo, que xa presentara e fora rexeitada en novembro, porque pensaba que debatela de novo era apoiar a Díaz Ayuso -felizmente ausente da campaña-, que daquela andaba a voltas co lema «comunismo o libertad». O PNV propuxo incluír na condena o totalitarismo franquista, e Casado -vade retro!- fixo mutis.

Abascal non é mellor. Anunciou que abriría a campaña electoral cunha concentración de simpatizantes de Vox en Vallecas, mantendo a distancia de seguridade sanitaria entre os asistentes; pero o que quería era celebrar un mitin sen permiso municipal. Non puido porque os figurantes da esquerda radical impedíronllo a croiazos. Echenique, que está en todas, asomou a cabeza pola concha do apuntador e deu azos aos demócratas do pelourazo, berrando: -Por Libertonia! Agachou axiña por medo a unha pedra perdida. Perdido vexo a Pedro Sánchez no escenario. Ás veces recórdame a Groucho ante o falso espello no que alguén cuspidiño a el acena coma el, pero non é el; e outras a Groucho na moto con sidecar, cando unhas veces marcha a moto e outras o sidecar, pero sempre sen el. Nin o guión sabe! A quen se lle ocorre censurar ao PP no Boletín Oficial do Estado? Tolería ou parvada? Velaí a cuestión.