A pegada da boa educación

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

KOPA

Debido a varias circunstancias, estes días retomei contacto con distintos compañeiros de estudos da carreira. Aínda que foi unha época dura, pois había moito que esforzarse para sacar as materias adiante, fanme lembrar aqueles anos cun agarimo especial. Quizais tan só sexa o paso do tempo, que o cobre todo de morriña, e adoza os momentos máis duros. Ou quizais é que eran outros tempos, non só para nós, para toda a sociedade.

Vivimos uns tempos convulsos, onde todo se move cara extremos opostos.

É case unha obriga tomar posición, ou que nos asignen unha. Ou aquí, ou enfronte, encarados. Mal-encarados, como parece que se manifesta a xente, en xeral.

Se busco nas imaxes daqueles anos de estudante, atopo moitos sorrisos. Aos amigos que conservo daquela época, lémbroos así.

A Manuel Casteleiro, o profesor que nos deixou hai uns días, tamén. Era irónico, cun humor intelixente, moi agradable. Deses profesores que che fan pensar que seguir ao pé do canón, incluso cando as cousas se poñen tan complicadas que o que apetece é desistir, paga a pena.

Non deixa de ser curioso. Só fun alumna de Manuel Casteleiro nunha materia, pero marcoume para sempre. Por como impartía as clases, polo seu comportamento. Sen estridencias, sen atemorizar, sen querer ser simpático, pero con altas doses de elegancia e respecto, cara as matemáticas que nos ensinaba, cara a profesión e tamén cara ao alumnado.

A educación ten que ser iso, boa educación. Parece o mesmo, mais non o é.

Vaia o meu agradecemento aos bos educadores, boas persoas.