Á rapañota

OPINIÓN

23 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando eu era cativo e asistía a algunha celebración relixiosa como era o bautizo ou a primeira comuñón dalgún veciño, un dos momentos polo que máis agardabamos era o da rapañota. Consistía en apañar as moedas ou caramelos que o padriño lanzaba ao aire entre a rapazada. Aquela chuvia xenerosa de pesetas ou sugus esgotábase axiña porque sempre había quen non lle puña reparos a tirarse polo chan e empurrar mesmo con violencia a calquera rival que se interpuxese no seu camiño cobizoso.

 

Era un método o da rapañota que tiña o seu aquel de inxustiza. Os máis fortes e desapiadados eran os que facían mellor peto. Se non andabas espelido axiña ficabas sen nada. Ás veces, sobre todo cando non tiña sorte, preguntábame se non sería máis xusto repartir o tesouro entre todos os convidados para evitar esa competición que nin pintada para os máis fortes. Algo semellante ao que acontece nesas imaxes de camións humanitarios repartindo paquetes de comida aos que non chegan os máis esfameados por mor, precisamente, da súa debilidade. Pensei nisto logo das xenerosas campañas da Xunta de Galicia para axitar o turismo e o mercado locais con bonos onde mesmo se subvenciona o 60 por cento.

Non me cabe dúbida de que o obxectivo final pode ser un éxito. O que xa non me parece normal é que haxa que facelo obrigatoriamente por medios electrónicos e, o que é peor, que a morea de peticións colapsen o sistema e esgoten os cartos destinados en apenas doce horas. Dende o Goberno galego fálase de éxito, pero eu, que pedín o bono a tempo e talvez sexa un dos afortunados, coido que este sistema, utilizado tamén para outras importantes campañas como as de cambiar as fiestras dos fogares, ten algo de rapañota onde se premia a rapidez e non a xustiza social e a necesidade dos galegos.