Para que serve a memoria?

Inma López Silva
Inma lópez Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Cabalar | Efe

21 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Segunda República, que vén de facer 90 anos, implantouse sen pegar tiros nin queimar conventos. O rei marchou, despois de esixírenllo os gañadores das eleccións, e a xente fixo unha festa. O único que propuxo o das armas foi Juan de la Cierva, para protexer a monarquía.

O outro, o dos tiros e conventos, veu anos despois, cando un golpe de Estado propiciou que un grupo paramilitar fascista se dispersase polas vilas matando mestres, prendendo comunistas e torturando mulleres. Eu, neta dun alcalde falanxista e bisneta dun socialista militante, souben só da orde da ditadura e non aprendín nin unha versión idealizada daquilo nin un relato baseado na utopía anarcocomunista. Tampouco aprendín o contrario. Non aprendín nada. Non houbo versións para a miña xeración. España parecía ter abrazado por casualidade a utopía socialista e fora salvada por xentes que, sen ter nada que ver co nazismo coetáneo, xeraran un fascismo de seu. Todo o que sabemos tivemos que extirpalo de arquivos espoliados e hemerotecas.

Quizais, efectivamente, o termo «memoria histórica» estea trabucado: é só historia, feita con retallos de memoria e documentos agochados por quen ocultaron que a festa daqueles días de abril era a esixencia de que se cumprise unha promesa electoral: sacar a España da miseria caciquil do antigo réxime. O certo é que cumpriron: mudanzas no exército, separación Igrexa-Estado e reforma laboral. Non eran hordas, só políticos gobernando.