Trapazénecallada

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

HEO RAN | Reuters

12 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Profesorado, policía, administrativas, limpadoras, etcétera, levan o demo no corpo a causa dunha das mellores trapalladas -e hai unhas cantas- desde que en China alguén comeu un morcego: AstraZeneca (esa vacina cuántica, que non está cando a miras; ese fármaco Jeckyll e Hyde, que é bo e malo; ese medicamento que foi elixir de mocidade) agora vai ser bálsamo de Fierabrás para idosos incipientes. Alegría! O mellor desta trapallada é a temeridade aventureira que converte en Indiana Jones a todo vacinado, e en Lara Croft trombótica a toda vacinada. Por que nunca pensou ninguén en protexernos prohibindo os anticonceptivos orais cuxos perigos eran semellantes ou impedindo a venda de Tampax? Que ben sentaba aquela hipocondría ao ler no prospecto sobre a síndrome de shock tóxico asociada aos tampóns! Quizais a Igrexa, no seu afán antiabortivo e antipenetrativo, apele á magnanimidade ministerial e propoña agora a suspensión de anticonceptivos e tampóns.

Nin que a vacina de AstraZeneca non correse xa polas veas de máis de dous millóns de persoas que, na súa maioría, agardan por unha segunda dose que nunca será administrada. Tampouco é que estiveran felices con recibir a primeira, despois dunha suspensión que logo se reverteu, do debate sobre uns efectos secundarios para os que parecía preciso ferver crina de unicornio e respirar ar de féretro exipcio, e despois da indeterminación da idade: parecía que te agardaba a morte se eras maior de 55 e cha administraban, pero agora o grupo de 65 en diante será a salvación dos millóns de doses orfas a causa da incapacidade de asumir os riscos que conleva gobernar. Mentres, unha pingueira de máis de oitenta mortes diarias.