Catro décadas de Estatuto

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

SANDRA ALONSO

11 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicía Ramón Piñeiro que a autonomía é un edificio a construír e que, na medida en que se habitase e se fosen levantando as paredes, a cidadanía empezaría a considerar a súa utilidade, a importancia de dispoñer de institucións de noso nas que se referenciar e nas que reivindicar problemas e expectativas. En certa maneira era o que apuntaba o debuxo de Castelao en 1931 (álbum Nós): «Non lle poñades chatas á obra namentras non se remata. O que pense que vai mal que traballe nela; hai sitio para todos».

Sempre haberá quen discuta o ritmo de traballo, as partes que fican por rematar ou vaian mal rematadas, mais a obra continuará medrando segundo se siga a traballar nela. É unha concepción dinámica da política, que esixe ollada estratéxica (a longo prazo) e capacidade para analizar as condicións e as posibilidades en cada momento. Intelixencia e paciencia. Daquela nós andabamos a discutir as Bases Constitucionais que promovía o Consello de Forzas Políticas. O Estatuto, ao que un sector maioritario do nacionalismo galego se opoñía, asinouse en abril de 1981, logo dun proceso bastante frustrante e axitado que obrigou a mobilizar centos de miles de persoas para non ficar atrás, cando un sector do PSOE e da UCD pactaron sen luz nin taquígrafos a rebaixa do texto para desa maneira establecer un tapón constitucional perante o que puidese vir despois. Os estatutos vasco e catalán xa estaban aprobados. Poucos meses antes, o 23 de febreiro, producírase o intento de golpe de Estado protagonizado polo tenente coronel Antonio Tejero e altos mandos militares.

Lembro os traballos do Estatuto dos 16, que promoveu dende a preautonomía Antonio Rosón. Lembro a Camilo Nogueira, a Ceferino Díaz, a Geluco, a Francisco González Amadiós Panchulo, vixilando en Madrid que non abaixasen o proxecto galego. Eran os días do que se deu en chamar o Estatuto da Aldraxe. Camilo abriu o portelo para que o nacionalismo de esquerdas, atascado no seu propio discurso, puidese traballar dende dentro das institucións: un paso cualitativo que logo seguiron outros. Igual que sucedeu cando tocou discutir a idea de Europa.

Seguramente perdemos moitas enerxías nestas liortas. ¿Cómo serían as cousas se o nacionalismo xogase doutra maneira? Nunca o saberemos. A política-ficción non conduce a nada. Pero a historia avanza así, coma no debuxo de Castelao, como a reflexión pragmática que propoñía Ramón Piñeiro. Catro décadas despois o Estatuto de Autonomía de Galicia, mesmo aceptando as súas limitacións, é a nosa referencia de autogoberno que chegado o momento seguramente haberá que revisar, mais que segue a ser susceptible de propiciar contidos, traballo, iniciativas de goberno, propostas concretas para un país que, con todas as contradicións que queiramos, dende aquel ano 81 para acó deu pasos xigantescos.