O legado de Rosa Parks

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

EUROPEAN UNION

10 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A maldade atopa diversas formas coas que amosarse. Hai moitos xeitos de segregación. Non preciso retroceder moito, chega con remitirnos a mediados do século XX. Hoxe, os ronseis da segregación seguen marcando os camiños.

Teño querenza polas costureiras. Miña avoa era destra coa agulla. En herdanza deixoume, amais do nome, o amor polas letras e outros trazos identitarios máis, xogos de sabas bordadas nas que prender os meus soños.

Pero agora quixera falarlles doutra costureira, Rosa Parks. Na escola debera contarse a historia desta muller, costureira, de raza negra, que se negou a ceder o seu asento no autobús a un home branco. E así, en pleno apartheid, ela fixo que o mundo se revolvese. O feito non pasou desapercibido, senón que foi motivo de arresto e ingreso en calabozo. Tamén espertou unha chea de reaccións positivas, dando pé ao comezo dunha protesta xeral contra a segregación racial nos EE.UU. A partir de entón, a viaxe en autobús foi igualitaria. Semella que disto pasou unha eternidade, nada menos que sete décadas. Debera ser así, mais hai uns días os asentos que marcan categoría volveron dar volta ao mundo. Turquía foi sede dun encontro entre mandatarios. Alá viaxaron o presidente do Consello Europeo e a presidenta da Comisión Europea. O presidente do país sentou a conversar co representante do Consello, mentres deixaba a un lado á presidenta da Comisión. Eles, no centro, ela, no lateral. Non tiña asento onda eles.

Se isto non é segregación... que é?