Emocións

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

09 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

iña un tema luminoso, cheo de matices. Un tema co que ía reflexionar sobre o poder de apartar esas emocións e pensamentos que nos fan sufrir, con ou sen causa aparente. Un tema para afastar a tristura, para abrazar a beleza. Para celebrar que, a pesar de todo, aquí estamos, preparados para o seguinte capítulo dunha historia que nunca imaxinamos nosa. Pero de súpeto, o tema desta columna, ese que ía zumegar algo de luz polo menos mentres a escribía, esfumouse. E agora non o atopo. Nin o tema nin a emoción ligada a el.

Á volta do supermercado decidín volver polo camiño máis longo, o que me fai pasar por un parque. Parei alí, co meu carriño da compra cheo, sentei nun banco e quedei mirando para as flores, que estaban fermosas, cheas de cor. Pasou a miña veciña, a que pasea os cans doutros veciños, e parouse a falar comigo. «E este quen é?», preguntei eu, ao que ela me respondeu: «Este é Charlie, o can máis alegre do barrio». Quedei mirando para Charlie, o can feliz, e a verdade é que me fixo sorrir. Pero pronto tirou da miña veciña para marchar, e con el marchou medio sorriso. Igualmente pensei que entre o can, as flores e unha interacción humana collera suficiente enerxía para seguir co día, e decidín levar esa sensación para a casa coa intención de utilizala para escribir esta columna.

Pero as emocións teñen vida propia. E de camiño á casa esfumouse tamén ese pequeno momento de beleza. E esoutra emoción, á que aínda non lle puxen nome, apareceu de novo; e coma un bloque de cemento gris e pesado, esmagou a imaxe das flores que tiña na miña cabeza... É cousa miña ou é que agora nos custa máis aferrarnos a eses momentos que nos fan sentir ben?