40 anos de Estatuto

OPINIÓN

Sandra Alonso

06 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sinalaba Ramón Piñeiro que «a autonomía non é a confirmación do pasado, é a apertura dun camiño novo cara ao futuro». Logo de corenta anos de Estatuto, debemos seguir camiñando no autogoberno, no federalismo e na cogobernanza.

Cando no referendo de 1936 a cidadanía galega validou un estatuto de autonomía para Galicia na Segunda República, baseado na proposta aprobada pola asemblea de municipios galegos de 1932, abordábase o xermolo dun proxecto de autogoberno que foi abortado. Aquel estatuto chegou ao Congreso dos Deputados o 15 de xullo do 36, pero tres días despois a sublevación militar alterou o curso democrático daquel tempo. Se ben as Cortes aceptaron a tramitación da nosa carta estatutaria en febreiro de 1938, a ditadura franquista eliminou calquera forma de descentralización política durante décadas, e tivemos que esperar ata a Transición para ver cumpridas as nosas arelas de autogoberno.

Tras a ditadura, a Constitución de 1978 permitiu construír o Estado das Autonomías e un sistema político descentralizado. Certo é que o Título VIII da Constitución caracterizouse pola súa incompletitude: a través dun acordo de mínimos nas negociacións constituíntes aprazouse a concreción da forma de organización territorial do Estado, deixando abertas distintos posibles niveis de descentralización. Sería a senda de actos políticos posteriores ao texto constituínte a que realmente determinase a estrutura territorial do Estado español.

A descentralización permite achegar as políticas públicas ás necesidades da cidadanía, xerar bens públicos rexionais que responden ás demandas diversas dunha España plural e tamén satisfacer as aspiracións de dignidade e autogoberno dentro do marco constitucional. Por iso cómpre destacar a loita por un Estatuto de primeiro nivel para Galicia que permitiu avanzar nun modelo de descentralización para España que algúns querían frear.

O acordo político e social xerado en Galicia a prol da autonomía permitiu superar a aldraxe que colocaba á nosa comunidade como a «primeira de entre as de segundo orde». Os Pactos do Hostal catalizaron a demanda de autogoberno do noso país e os socialistas de Galicia xogaron entón un papel histórico fundamental: a política útil uniuse -algúns quedaron á marxe- e a cidadanía galega tamén para elevar as nosas competencias.

Como concluía Ceferino Díaz, «o Estatuto de 1981 constitúe unha proba irrefutable de que desde Galicia podemos dirixir a nosa propia historia». E así foi. O Estatuto como «instrumento para facer Galicia, como medio de transformación dunha realidade que había que mellorar».

O Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 deu paso aos mellores corenta anos de autogoberno e democracia na historia do país. Concreta que haxa parlamento, goberno autonómico, políticas públicas decididas en Galicia. E que se faga dentro do marco constitucional, porque a solución dos problemas de Galicia non está na autodeterminación, nin no separatismo, nin no independentismo.

A loita polo Estatuto de Autonomía foi a loita polo autogoberno de Galicia. É unha loita histórica, patriótica; unha loita que une a galegos do ano 36, aos do 81, aos que en 2007, encabezados por Emilio Pérez Touriño, trataron de elevar a nosa norma fundamental a maiores cotas de autogoberno e de dignidade nacional, e tamén aos do 2021, que queremos enfrontar os retos do futuro.

O Estatuto de Galicia é unha tarefa que require actualización e un novo impulso. Trátase dunha débeda que temos con todos aqueles que traballaron para que fora realidade e, superada a pandemia, retomarémola. Agora todo o esforzo dos socialistas galegos debe estar volcado en facer as mellores políticas fronte á crise.

O Estatuto é froito da mellor política e dos mellores políticos, dos que son quen de facer política mirando aos intereses do país, aos intereses dos galegos e galegas. Esa é tamén a miña referencia e a do socialismo galego: servir a Galicia.