Beneficios e riscos

Marina Mayoral
marina mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

04 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O que está ocorrendo coa vacina de AstraZeneca lémbrame o mito do Minotauro. Cada vez que se produce unha morte relacionada cos efectos secundarios da vacina, as autoridades competentes, tanto no campo da medicina como dos gobernos, recomendan vivamente o seu uso e repiten como un mantra: «Os beneficios da vacina superan amplamente aos seus riscos».

O único que vai cambiando son os destinatarios: primeiro deixouse fóra aos maiores de 65 anos porque non se comprobou a súa eficacia nese grupo de idade. Cando empezaron a morrer mulleres de 40 anos deixouse a ese grupo fóra. E agora, cando se rexistran 31 casos de tromboses en xente nova, deciden inoculala preferiblemente aos maiores de 65, para ver que pasa, digo eu, porque outra razón non se me ocorre.

No fondo dese comportamento errático das autoridades está sempre a idea de que «os beneficios superan aos riscos», idea perigosa e próxima á de Maquiavelo de que o fin xustifica os medios. No caso da pandemia, significa que, para vencer o covid e recuperar a normalidade, e con ela a economía, é necesario que toda a poboación estea vacinada, e canto antes mellor. E se para lograr esa inmunización colectiva teñen que morrer uns cantos, pois ese é o prezo.

A cidade de Atenas, por tributo de guerra, tiña que entregar ao Minotauro, cada nove anos, sete homes e sete mulleres novas para ser devorados. Así, o resto da poboación vivía tranquila. Atopará a ciencia actual unha Ariadna e un Teseo capaces de matar o monstro?