Concha 23

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

01 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñezo xentes que cando abren a porta, ou a fiestra, abren tamén o sol. Mesmo nos días de chuvia. É unha fortuna contar, preto de ti, con xentes tan luminosas. Esas persoas axudan a vivir, agora que a vida está como gato panza arriba. Esta columna, en realidade, fala dos individuos imprescindibles. Non hai demasiados. Pero o meu consello é contar, na propia vida, polo menos con tres. Tres é un número perfecto. O triángulo equilátero. Ou isósceles, ou escaleno, no que repousar a cabeza cando entren ganas de chorar. O mundo, aínda que non o crean, está cheo de xente luminosa. Os que pasan do rancor. Os que non coñecen a palabra odio. Os que ven sempre o lado bo das cousas, ou sexa, os que coñecen as cousas que en verdade importan. Os leais, currantes, responsables, alegres pese a todo. Os independentes e libres. Os que non se deixan enganar cos cantos de serea da codicia. Os que detestan o mal periodismo (periodismo de cloaca): ese que converte aos seres humanos, incluídos algúns periodistas ou similares, en mercancías. Os que saben que discutir, facer preguntas, é un modo de exercer a máis pura democracia. Os que dubidan. Os que ocultan as dores para non facer sufrir aos que máis queren. Os implacables coa verdade. Os que se levantan cada mañá e repiten a canción: «Hoy puede ser un gran día». Os que están sempre, mesmo cando non están. Os terremotos que todo o moven, principalmente as tristezas: ata facelas desaparecer. Os humildes. Os adictos á esperanza. Os que detestan as inxustizas. Hai xentes que un ama irremediable, eterna, infinitamente. Eses que cando abren as portas e as fiestras e os ollos, como un milagre, abren tamén o sol. Concha 23, por exemplo.