Selectividade, mellorable pero necesaria

Julio Abalde REITOR DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

OPINIÓN

28 mar 2021 . Actualizado a las 17:22 h.

Tras o período non lectivo de Semana Santa, o estudantado de segundo de Bacharelato e as súas familias terán unha nova preocupación, que se une á causada pola xa prolongada pandemia: a selectividade.

Como cada ano, comezará o debate público sobre a bondade da proba e a súa necesidade, e discutiremos posibles melloras. Debate necesario, pero con acougo, con participación de toda a sociedade, sobre todo a que non está inmersa no proceso.

Hai anos expúxose a supresión da selectividade xeral e a súa substitución por unha proba específica en cada universidade ou titulación, é dicir, non se suprimía senón que se substituía por unha proba menos obxectiva e máis difícil de xestionar polos alumnos e alumnas e as súas familias.

O primeiro que debemos considerar é que, tendo en conta a porcentaxe de aprobados, non se trata dun proceso selectivo senón que trata de harmonizar os resultados académicos dos estudantes, que proceden dun sistema educativo diverso, e ordenalos para asignar a praza na titulación desexada. Pero iso non é consecuencia máis que do número limitado de prazas ofertadas e da demanda dalgunhas titulacións. A tan coñecida nota de corte non está prefixada polas universidades e é o reflexo da oferta e demanda. Non representa a dificultade da titulación, a súa calidade nin moito menos a empregabilidade futura dos titulados. Neste momento existen titulacións con practicamente un cento por cento de ocupación dos titulados e que non cobren toda a oferta, como é o caso dalgunhas enxeñarías.

As universidades necesitamos criterios obxectivos e avaliados por axentes externos, que nos permitan ordenar o acceso ás nosas aulas. O proceso debe garantir a igualdade de oportunidades para que o ascensor social educativo funcione, isto é, debe permitir homoxeneizar as posibilidades de acceso á educación superior do estudantado que compense as importantes diferenzas causadas polas condicións económico-sociais, culturais e mesmo xeográficas de cada alumno.

O sistema é mellorable por suposto, debe solucionar situacións de frustración en titulacións con alta demanda, eliminar a sospeita de agravios comparativos entre comunidades autónomas mediante a ponderación das cualificacións, etcétera. pero é unha garantía para os futuros estudantes aos que agora debemos dar ánimo, tranquilidade e confianza ante a proba. Fácil dicilo, difícil vivilo!