Non poder vivir por non poder morrer

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

J. Casares | Efe

22 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A partir de xuño, todas aquelas persoas que queiran morrer sufrindo poderán elixir facelo. Ese é o prazo no que entrará en vigor a lei da eutanasia. Ata agora, era obrigatorio morrer con dor e sufrir dependencias extremas nos casos de enfermidades incurábeis e dolorosas, e a morte indolora e tranquila era simplemente produto da casualidade patolóxica de cadaquén. Mais a partir de agora, por sorte, todas esas persoas que tanto pontificaron contra esta lei, baseándose polo xeral en escritos sagrados de hai máis de dous mil anos, terán o dereito de decidir libremente se queren optar por librarse da dor, ou salientar, ante o aplauso admirado dos seus seres queridos, a súa valentía crecida ao abeiro do sufrimento.

 

Grazas a Deus, como a lei de eutanasia é un compendio de novos dereitos e non de deberes, ninguén está obrigado a usala. Ese é o seu maior logro. Como dixo o deputado do PP José Ignacio Echáriz para xustificar o voto en contra do seu partido que, xunto con Vox, elevou un recurso ao Tribunal Constitucional, a lei «afecta aos principios básicos da sociedade», mais por iso aquelas persoas que, coma el, decidan que o dereito a morrer sufrindo é tan básico coma o dereito a morrer sen sufrimento poden aplicar a liberdade básica e non usala. De feito, o deputado do PNV Joseba Antoni Agirretxea sinaloulles que, para moitas persoas, non hai nada peor que non poder vivir por non poder morrer, pero o certo é que poida que haxa algunhas que vivan estupendamente nunha agónica espera da morte. Para elas non é de aplicación esta lei.

Así que, desde xuño, somos todas un pouco máis libres. Incluso quen queiran sufrir para garantirnos aos que morreremos dignamente unha oportunidade de Salvación.