A saúde mental nas empresas

Mónica Seara PUNTO DE VISTA

OPINIÓN

Hoxe xa ninguén cree naquela frase tan repetida de «esta crisis nos hará mejores, saldremos reforzados». Os datos son aplastantes, así os números do EPA dinnos que o paro está en 4 millóns de persoas (16 % da poboación activa) e isto sen contar co persoal dos ERTE que afectan a máis de 2,7 millóns de traballadores (non computan para o número de parados pero están ás portas como sigamos así). E non podemos esquecernos das vítimas, morreron 71.919 persoas, que son familias afectadas.

Hai outra frase moi boa: «Esta crisis sanitaria no entiende de ricos y pobres». Pero o conto é que xa hai axencias de viaxes que venden paquetes turísticos con vacina incluída, algo similar á historia das infantas, seica non se pode viaxar, nin saír da provincia, canta xente non puido despedirse dos seus seres queridos polas restricións. Pero tennos que quedar claro que o virus mata igual a ricos e pobres.

A estas alturas o que nos queda claro é que as crises o que fan é agrandar as desigualdades en todos os eidos. Onde nos leva todo isto? Pois ao desánimo, á desesperación, á impotencia, á incredulidade de quen manda, ao esgotamento, etcétera... Estamos cansos desta situación, máis aló do medo ao contaxio, do medo á morte, da dor de perder aos seres queridos. Agora sentimos o que é o esgotamento emocional provocado por esta pandemia.

Preocupados pola saúde a nivel físico, todas as medidas tomadas para evitar os contaxios de covid-19 deixaron moi de lado o impacto que tiñan na nosa saúde mental, e ao final rematamos coa xente enferma, e o que é máis grave, que como non ocupan as uci non se fala deles.

Esta pandemia da covid-19 está xerando un gran impacto negativo na nosa saúde mental. Dende que comezou, os niveis de estrés aumentaron un 73 %. Temos máis ansiedade, depresión e sufrimos máis trastornos do sono. De acordo co Consello Xeral de Farmacéuticos, o consumo de ansiolíticos e antidepresivos dobrouse no 2020 respecto ao 2019.

Atravesamos como sociedade un duelo colectivo. Cómo permanecer motivados? O benestar e a saúde mental teñen que ser as prioridades de todas as organizacións no 2021, é o momento no que os departamentos de recursos humanos poden demostrar que son máis humanos e preocuparse realmente pola súa xente. Se seguen mirando que lle cadren as contas non sairemos desta.

É hora de escoitar a quen nos está salvando desta pandemia, que non son outros que os que loitan día a día por facer ben o seu traballo, aínda nas condicións menos favorables. Hai que dar voz a quen convive a diario cos problemas reais que nos trae o covid-19, pois moitas veces quen toma as decisións, ou quen leva o timón, está moi alonxado da operatividade do día a día, polo que a súa misión, máis que nunca, vai ser escoitar e empatizar co que mostra os síntomas. Os traballadores necesitan poder conciliar. Débese respetar a súa desconexión dixital -para lograr o descanso real do traballo-, e facilitar a flexibilidade no horario.

Non podemos seguir menospreciando a saúde mental e emocional da xente. É preciso un equilibrio para estar sans e facer frente aos novos retos que temos por diante. Como decía Shopenhauer, «la salud no lo es todo, pero sin ella todo lo demás es nada».