Compromiso versus estratexia

Breogán Rioboo, ex secretario xeral de Podemos Galicia TRABALLADOR SOCIAL. FOI SECRETARIO XERAL DE PODEMOS EN GALICIA.

OPINIÓN

Mariscal | Efe

18 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai dez anos simpatizamos cun movemento que provocou unha mudanza xeral no xeito de entender a política. Ese movemento sinalaba á corrupción instaurada na clase política que hoxe segue desfilando por xulgados; sinalaba á banca que desafiuzaba ante a imposibilidade de moitas persoas de cumprir con cláusulas que hoxe son abusivas, e sinalaban ao bipartidismo como elemento que mantiña un sistema que non nos representaba á maioría.

Moitos cambios ten habido neste tempo, especialmente a nivel político, e as galegas tivemos asento privilexiado nesta longametraxe. O filme non se entendería sen a súa personaxe máis destacada, que iniciou a súa traxectoria como actor revelación, chegou a protagonista e vai camiño do premio honorífico, todo nun curto espazo de tempo. Non é outro que Pablo Iglesias.

O golpe de temón que vén de dar colleu por sorpresa ao propio Goberno de coalición, se ben leva meses rumiando o seu relevo a favor de Yolanda Díaz, ministra mellor valorada do Executivo. O das formas non vai con el, é unha desas cousas que a nova política debera aprender da vella, porque construír afectos sen respecto e lealdade non é máis que palabras ao ar.

O que non se pode negar é o seu gusto polas loitas imposibles: entrar no Parlamento Europeo dende a nada, promover e apoiar gobernos alternativos en grandes cidades ou conformar o primeiro Goberno de coalición en España en 40 anos de democracia. Agora vai á batalla fronte a Ayuso en Madrid, agasallándoa co lema da campaña -comunismo o libertad, di ela- e unha polarización que, sen dúbida, animará á participación por esquerda e por dereita, ben polo odio ou pola admiración que infunde en sendas vertentes.

Quen non arrisca non gaña, aínda que nesta batalla teno imposible. Semella que o obxectivo é darlle maior espazo e visibilidade a Yolanda Díaz, cara da xestión e do diálogo, no camiño cara as eleccións xerais. De estratexia Pablo Iglesias vai sobrado, mais onde queda o compromiso do vicepresidente coa xente?