Nun ensaio recente titulado In Praise of Walking, o neurocientífico irlandés Shane O'Mara descríbenos os beneficios físicos, mentais e sociais dunha actividade sinxela e gratuíta que non é só un tónico para o cerebro, senón tamén unha medicina para o corazón, para os pulmóns, para os músculos: camiñar. Alén de bo para o corpo enteiro, camiñar é o mellor xeito de coñecermos o lugar onde vivimos: as vistas, a luz, os olores, o ruído, o ambiente, o ritmo. Camiñarmos pola cidade, pola vila ou pola natureza fainos máis felices, anímanos, libéranos da tensión, despexa as nosas mentes para reflexionarmos con máis nitidez, aumenta a nosa produtividade e o noso benestar, achéganos á xente e ao mundo que temos ao redor. Pero camiñar é tamén unha acción colectiva. Camiñarmos xuntos pode ter un profundo significado social e político: de manifestación do gozo, de reivindicación do cambio, de loita por un mundo mellor.
O'Mara non é, nin de lonxe, o primeiro que medita sobre isto. De feito, el mesmo repara en que os escritores son particularmente conscientes das virtudes e recompensas desta paradoxal ociosidade activa que tanto estimula a creatividade e o pensamento. Curiosamente, e talvez porque non son poucos os autores de fala inglesa que adoitan non fixarse demasiado no que sucede máis alá do seu ámbito lingüístico, non fai referencia ningunha ao suízo Robert Walser, un camiñante vocacional a quen lle encantaba a natureza, que non lles tiña medo ás distancias e cuxas andainas podían converterse en prolongadas marchas a unha altísima velocidade. En 1913, por exemplo, púxolle fin á súa etapa berlinesa retornando a pé a Suíza. Walser é hoxe un autor de culto, pero a súa vida foi a dun home complexo e perdido que rematou os dous últimos decenios da súa vida como paciente nunha clínica psiquiátrica.
En 1917, Walser publicou O paseo (Der Spaziergang), quizais a súa obra máis emblemática, un prodixio de virtuosismo lingüístico, de lirismo, de humor, de autoironía, un canto á liberdade e á levidade, un exercicio de ocultación da dor elevado á condición de obra mestra por obra e graza da súa bondade e beleza. O lector que acompaña o singular narrador no seu paseo trufado de observacións, impresións, reflexións, encontros e lances non dá saído do seu asombro, non pode borrar o sorriso nin, por momentos, reprimir a risada, emociónase profundamente e nunca deixa de sentir a pulsión dunha vida respirada con paixón. Algún día, cando remate este pesadelo da pandemia que nos obriga a ficar nas casas e a saír á rúa ás présas e enmascarados, redescubriremos o divino pracer de inhalarmos a invernía cortante, as delicias dun parque nocturno, o aire morno dun serán despreocupado. Ese día, os lectores de Walser lembraremos O paseo, esa pequena xoia que nos legou, esa invitación a camiñar, a observar, a sentir o vento na cara, a deixar que a mente se nos abra á lucidez e se nos desbande co seu gramo de loucura.