Adiante e atrás

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

15 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembran aquela canción que dicía un pasiño para adiante, María, un pasiño para atrás? Así estamos. Todas as Marías, todos. 

Vaia baile se marcou a representación política que eliximos! Dous partidos políticos, PP e Ciudadanos, asinan unha moción de censura en Murcia contra o PP. Treboada! Movementos aquí e acolá, nervios, comunicacións, discursos... Reaccións. Madrid decide convocar eleccións anticipadas por se lles ocorre o mesmo, xa que conta cos mesmos socios de goberno.

Ala! Pasos cara adiante. Todos á fronte! Por vontade propia ou porque sobrevén a situación.

Comezan os debates, as opinións nos medios de comunicación e... Todo se trunca de súpeto porque Murcia dá un paso atrás. Xiro de cintura no baile perigoso. Só os verdadeiros profesionais son quen de virar dese xeito! Tres asinantes da moción vólvense atrás.

Non tiñamos moita confianza nos políticos... Que imaxe queda agora?

Está moi ben bailar nas festas, pero non nunha pandemia. Vivimos preocupados pola saúde, a economía, o futuro.

Certamente, hai xente privilexiada que, pase o que pase, non terá ningún tipo de problema. Algúns, precisamente, son estes que non temen dar pasos adiante e atrás. E isto, a min, maréame. Provócame unha frustración e un descrédito inmensos.

Distinto é a xestión da vacinación. Agora esta vacina, agora estoutra. Agora poñémola en dúbida. Isto pasa por ir ás carreiras, claro. Pero a intención era boa.

O outro, o de xogar coa administración pública segundo o son que toque... é inadmisible.