Non somos parvos

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

03 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Oxalá puidera pasar do Piornedo e dar sensación de sexi en canto abro a boca, coma as francesas. O pelo alporizado e o meu evidente sobrepeso resoltos ao dicir «Ola». Precisaría iso para que os xefes de márketing das editoriais madrileñas non treman en canto piso a T4: «Correde! A do acento galego!» Comprensión: non é fácil lograr que parezas lista abondo como para escribir inclasificábeis novelas de crítica social se, enriba de muller, es unha galega que o parece demasiado.

Diso sabe moito Patricia Pardo, a xornalista que rifou coa mesmísima Ana Rosa Quintana por rir do acento galego. Tralas comparacións a modo de desculpa, Pardo insistiu: por parvos só nos toman aos galegos. Curiosamente, iso non lles pasou nin a Franco, nin a Fraga, nin a Rajoy, non sei se por seren de dereitas, homes, ou polos ímprobos esforzos por matar o acento, estraños se pensamos na sorte de compartiren tempo con eses actores a quen nunca ben agradeceremos o uso do noso acento para facer rir. Pero o problema ten máis que ver co sex appeal. Un tío non precisa ser guapo para parecer listo, pero as mulleres temos que ser todo o tempo the best, e iso non cadra con este acento de zouponas e criadas que non serve nin para a prensa seria nin para ligar en Pachá.

Moito se discute sobre os esforzos que debería facer a Xunta pola exportación da cultura galega. Pois agasállolles esta gran idea: Galician is sexy (sempre é mellor en inglés, xa saben...). Xa que os exemplos de xente lista foron axiña asimilados á Gran Cultura de Sabios que é a castelá desde Filipe IV ata Filipe VI, deberíamos probar co desexo lascivo, aproveitando que en Galicia hai moita loirez e fóra moita moderna idiotez.