Vaia feira

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

J.J. Guillén | Efe

02 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Vaia feira temos montada. Están acontecendo tantas cousas sen xeito... Coma o de Cristina Cifuentes. Fíxose cun máster sen asistir, sen examinarse... e sen ser culpable. Non coma a súa asesora ou profesora, quen tivo a brillante idea, sen que ninguén lle pedise nada, de asinar o aprobado. Elas dúas, condenadas! Estalles ben, por obrigala a aceptar un título.

Seguimos coa estratexia de Casado para evitar falar deste asunto e dos resultados das eleccións en Cataluña. Anuncia con toda a pompa que abandonan a sede do PP, esa da que investigan o financiamento. A onde? Nin idea. Cando? Tampouco se di. Para despistar é suficiente co globo sonda, como se despois non marchan!

Xa despistamos á xente do feito de que, 40 anos despois do golpe de Estado, por fin se retira a última estatua do país dedicada ao ditador Franco. Ollo, coa abstención do seu partido, eh!

Capítulo á parte merecen as leas do propio Goberno. Agora o PSOE pensa que vaia socios se buscaron. Pero... estaban tan cegos? Cadaquén pensa no propio beneficio, sen importarlle o ben do país, ningunha novidade. Pero... é que nin sequera son quen de pensar nos logros que poderían obter como bipartito se remasen no mesmo sentido! Oxalá puidese dicir «alá eles». Pero o problema é que nos arrastran a nós, os cidadáns.

Buf. O único bo que atopo é que por fin podo ir á miña casa, saír da cidade. Quizais alí dea durmido toda a noite. Sería estupendo espertar sabendo que estes últimos meses foron tan só un pesadelo. Por desgraza, non é así.