Os xestos do BNG

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Sandra Alonso

02 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os xestos do BNG que preocupan a Alberto Núñez Feijoo non son os de radicalidade senón os de moderación. Unha verdade, tan envolta en faramalla, que acaba por parecer unha mentira. Nos recentes debates parlamentarios deulle ao presidente da Xunta por acusar á Ana Pontón de enganar aos votantes coa súa aparente moderación e de ser a máis radical de todos os líderes anteriores. Tanto el como o voceiro do PP insisten en identificar á dirixente do Bloque como un lobo con pel de cordeiro. Fano cada vez máis e chaman tanto a atención sobre este asunto que acaban conseguindo o efecto contrario ao que pretenden.

Coa súa repetida insistencia fan pensar que a nova líder do BNG pon aos dirixentes populares máis nervosos do que puidera agardarse. Será porque ao bo resultado das últimas eleccións suma unha boa valoración e unha previsión de mellora dos resultados electorais nos inquéritos. Será pola fasquía da acción de oposición eficaz -por tranquila- que parece consolidar. Será porque o PP ten que pensar na substitución de Feijoo e iso xera incertezas. Será polo que nós nin sabemos nin vemos pero que o Partido Popular parece ver e entender como unha ameaza directa a unha ducia de anos mandando na Xunta. Sempre tan ben informado como a súa posición de poder lle permite e lle obriga, o partido do goberno está amosando unha preocupación que leva a mirar cara este BNG.

Un BNG este certamente moderado e moi modelado polas formas amables e profesionais da súa actual voceira. Hai xa moito tempo -dúas décadas- que a acción do BNG é moderada no fondo e na forma, na concepción ideolóxica e na acción política. Mesmo de máis. Posiblemente viríalle mellor unha maior radicalidade democrática para facer oposición parlamentaria e política para gañar os espazos sociais -e os escanos- que se necesitan para derrotar aos populares nas urnas. Se non logra ser máis radical nalgúns asuntos que o esixen (servizos públicos e privatizacións, xestión do andazo, arbitrariedade do poder, medioambiente) é precisamente por certa inercia antisistema (democrático pluripartidista) que pouco ten que ver co que fai esa organización para conseguir votos. O asunto non é novo. Non logra rachar a súa particular dependencia dunha traxectoria que perpetúa a necesidade de facer xestos para a parroquia e a galería. Xestos que canto mellor entende a parroquia, peor entende a galería (a opinión pública votante).

O BNG sempre foi -e seguirá sendo- atacado por eses xestos, que o PP vende como esencias, porque os vellos dirixentes do Bloque sempre os venderon como esencias. O conto é que xa non o son, cincuenta anos son demasiados. O reto é que se dean conta, porque daquela xa poderían ser radicais de verdade na súa acción de oposición. Radicalmente democráticos, radicalmente de esquerdas e radicalmente galegos.