As «majas» amigas de Cifuentes


Cristina Cifuentes, a expresidenta da Comunidade de Madrid ten amigas moi «majas». Tan «majas» son que van ir a prisión por ela porque, xa vimos na sentencia do Caso Máster, houbo falsificación para que parecese que ela o fixera todo ben, estudando, indo a clase e iso, pero ela non deu a orde malia ser a gran beneficiaria da falsificación. Así pois hai dúas condenadas -unha profesora e unha funcionaria- en realidade, por «majas», porque infrinxiron gravemente a lei para beneficiar a Cristina Cifuentes que, por suposto, ela non o pediu nin sabía nada, nin ela nin ninguén do seu poderoso entorno, que va. Foron estas dúas, «majísimas», que por axudar a ter un título pola cara á súa presidenta, xóganse o prestixio, a profesión e, como finalmente aconteceu, a posibilidade de ir a prisión, por amor a Cris. Tan «maja» ela.

Convén que centremos ben a xogada. A expresidenta sae absolta porque non se atopan probas que a poidan inculpar. É un bo motivo para que non te metan en prisión. Pero a setencia recoñece que houbo unha falsificación dunha acta. De feito, no calor dos primeiros momentos, cando saltou o caso, ela exhibiu esa acta na súa defensa. É dicir, exhibiuna sabendo que estaba mentindo. De feito, durante o xuízo, recoñeceuno. Pero sae absolta como se dá en tantas ocasións que non se pode demostrar algo. Porén, que non se poida demostrar non quere dicir que non haxa poderosos motivos para a sospeita.

Non é crible que dúas persoas, a profesora e a funcionaria condenadas, porque si («majas» que son), decidan pola súa conta e risco montar a que se montou para que esa señora tivese o seu máster sen facer absolutamente nada. É obvio que alguén as presionou. Así se dixo no xuízo. Foi Cifuentes? Non hai probas e, polo tanto, non hai condena. Salvando as distancias, Al Capone entra en prisión por un asunto fiscal, non porque houbese probas de que dirixía a mafia do seu tempo. E, salvando as distancias tamén, nunca se puido demostrar que o Señor X dos GAL era certo presidente do Goberno, xa saben, non hai probas. Daquela, uns «majos» ministros e responsables policiais montaron un operativo para matar xente porque, xa se sabe, lles deu por aí. Como nunca se soubo, nin se saberá, quen era a enigmática autoridade militar que estaba detrás da tentativa de golpe de Estado do 23F (hai nada 40 anos) e da que varios militares implicados falaron durante aquel opaco xuízo. Sempre hai alguén que manda falsificar unha acta de máster, quen ordena aos sicarios, quen monta golpes de Estado ou grupos terroristas. Insisto, salvando moitísimo as distancias.

O de Cifuentes foi, no fondo, un asunto madrileño. Que hai moitas «majas», como xa sabía Goya. Así que non pasa nada e pode desfilar polos platós de televisión dando leccións de ética. Como Ana Rosa, culpable de plaxio de novela, ou Cristiano ou Messi, condenados por roubarnos a todos. Pero tan majos!

Por Francisco Castro Escritor e editor

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

As «majas» amigas de Cifuentes