Os bares

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Martina Miser

25 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando todo desapareza, quedarán os bares. A música dos bares, as furtivas miradas, as palabras e ilusións dos bares. Cando pechan os bares, pechan o corazón deste país. En Dinamarca, por poñer un exemplo, se pechan os bares é como se lapidaran a fiestra dunha habitación sen vistas. Aquí non. As autoridades non souberon velo. Non se decataron de que este país respira de barra en barra, de bar en bar. Abondaba con que abrisen unha hora para que o pulmón do país respirase, inspirase, expirase as mágoas e as feridas. Pero optaron, aconsellados polos que saben de endemias e pandemias, por poñer candados permanentes. Acertaron, talvez. Baixan casos, doentes, dores, este sufrimento que nos queima dende hai un ano. Porén, tardará o país en recuperar o alento. Non é unha cuestión simplemente económica. É a alma. O latexo lento, lúa ou lóstrego ou luz, dos que saben que a vida non vale nada: se non a vives, camarada. É difícil de entender porque isto que afirmo non ten ningunha lóxica explicación. Parte, só, da intuición do tempo. Os anos. Contemplar o propio rostro no espello dun bar para saber que existes. Pecharon os bares. Agora abren. Non será o mesmo. Ou si. Aínda que custe de novo acostumarse a falar con máscara, tocar con máscara, sentírmonos con máscara. Penso en todos os que dicían que sairíamos máis fortes deste negror. Que engano! A pandemia non deixa un ápice de benevolencia. Nada aprendemos. Só a sufrir máis sós e máis tristes. Aprendemos que a soidade é principio e fin dos días. Porén, non quero deixar amargura nesta columna sempre alegre. Só quero levantar a miña voz a favor dos bares. Porque cando todo desapareza, permanecerán. A pesar de ti, negror.