Quen gañou?

Xoaquín Fernández Leiceaga EN LIÑA

OPINIÓN

ERC

24 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

As eleccións non se gañan ou perden, interprétanse. Os resultados das eleccións catalás constitúen un desafío para este dito. Que proxecto responde ao sentir maioritario do electorado catalá? A combinación das premisas identitarias cos proxectos de base ideolóxica produce un sudoku en termos de gobernanza. E dificulta a resposta a esta pregunta. Sinalemos algúns elementos.

 

Primeiro, os partidos independentistas manteñen a súa corrente de apoio pero estes comicios están moi lonxe de ser plebiscitarios: cos votos dun 25 % do censo (centos de miles menos que no 2017) carecen de mandato para avanzar na ruptura da orde democrática. Non obstante, segue existindo unha fractura da sociedade catalá. Como superala?.

Segundo, o pacto no independentismo complícase coa inversión na prelación entre ERC e JxCAT. Esta formación está construída sobre dúas patas: o mito dun Puigdemont fugado, que segue sendo president en tanto que manexe a unha figura vicaria no interior; e unha proposta de tensión permanente para manter viva a ilusión da independencia. Ambos elementos desaparecerían cun president de ERC, centrado na xestión e que proxectase unha sombra opaca sobre a figura irrelevante do fuxido. O acordo só será posible se ERC asume condicións impracticábeis que a encamiñen a unha vía morta (unilateralidade e tutela do mandatario no exterior).

 

 

Terceiro, Illa gañou en votos e tentará gobernar, sen garantías. Chegar a un programa de goberno na esquerda -única opción posible- sería como atravesar un campo minado sen ningunha certeza de que ao final exista unha saída. Os eixos centrais: avanzar no autogoberno, normalizar a situación política, impulsar a reconstrución económica e social de Cataluña. Un acordo esixiría flexibilidade e xenerosidade no socialismo a cambio de renuncias dolorosas para ERC, co obxectivo de ir aplicando puntos de sutura e unha xestión ordenada, sobre bases progresistas. As tensións en ambos protagonistas serían enormes. A posibilidade de éxito, moi reducida. Con todo, compre intentalo.

Cuarto, a recomposición das forzas conservadoras, co ascenso de Vox e o fracaso de Cs e PP, indica que a pulsión extremista aniña en ámbitos relevantes da sociedade española (e nos segmentos catalás correspondentes). Os partidos fracasados parecen abocados a decisións drásticas. O seu resultado dificulta o xiro ás posicións máis temperadas que facilitarían a estabilidade política en España. A dereita española dun proxecto integrador. Nunha conxuntura complicada, a sociedade catalá virou, si, aínda que insuficientemente. Gañou o PSC, gañou ERC -noutra liga, tamén Vox-, de xeito non decisivo. É o momento da política con maiúsculas. Cos límites da democracia, creando un futuro de progreso e respecto co que unha ampla maioría da sociedade poida sentirse cómoda. Veremos.