Da eléctrica á Áurea

Xavier Alcalá
xavier alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

22 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

No eido das TIC defínese o ruído coma sinal non coherente; estamos nun momento de moito ruído igualitario e logo dá azos a coherencia de mulleres emprendedoras nos negocios tecnolóxicos. 

Con oportunidade xornalística informaba La Voz sobre os exemplos de Eléctrica Los Molinos e Áurea Telecom: de dona Clotilde, señora de Estévez, e da súa bisneta Beatriz Estévez, señora de si mesma.

Dona Clotilde, que montou unha empresa de xeración e distribución de enerxía eléctrica en base a antigos muíños de moenda, non podía legalmente asinar contratos: tiña que facelo por ela o seu esposo. Mais Beatriz é libre de asinar o que lle acaia. E o que xa lle acaeu é aproveitar uns elementos moi valiosos nas redes de cabos: os dereitos de paso e de apoio, neste caso, de tendidos eléctricos.

Discorreu tender neles liñas de fibra óptica e -albízaras!- así naceu unha empresa de telecomunicacións avanzada cando se fan os cincuenta anos da primeira rede de fibra óptica no mundo, cando unha pandemia nos veu mudar os xeitos tradicionais de vida aumentando ata o inimaxinable a dependencia das TIC; cando o crecemento disparado da demanda de servizos tira con forza pola creación de infraestruturas para dalos.

Aplausos á bisavoa e á bisneta por demostraren que non vale o de «onde falan barbas calan saias».