Lobos

OPINIÓN

21 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O primeiro lobo que vin estaba morto. Un veciño matárao e deitárao coma un trofeo sobre un banco de pedra, onde nos amoreamos os rapaces para ver de fronte o animal mítico, que se entrañaba nos soños e causaba pavor logo de que se espallara a nova de que no San Cibrao ourensán unha loba destetada matara a dous nenos. Así o recollía unha prensa pouco amiga dos lobos, ocultando as teses que apuntaban a un lobicán ou un can liberado. Certas ou non estas teorías, e sabendo que apenas hai casos de lobos que ataquen a humanos, o asunto é que o medo instalouse en nós e converteuse nun arrepío físico cando estabas na aldea dos avós e, polas noites, os ouveos caían coma unha ameaza dende o alto da serra. Toda a infancia rodeábase de exemplos que reincidían nesa teima de asustarnos. A ficción, coa Carapuchiña Vermella á cabeza, así como contos de lobishomes tamén reforzaban esa percepción de pánico. O naturista e divulgador Rodríguez de la Fuente introduciu outra perspectiva máis amable, e mesmo o cine modificou nos últimos tempos a visión agresiva que había sobre estes animais con películas de éxito como Bailando con lobos. Agora volve estar de actualidade pola súa acollida protectora dentro da lei, con conservacionistas e gandeiros enfrontados. Non vai ser doado atopar unha confluencia para tantos intereses, as máis das veces económicos. A casuística para esta especie cambia dunha comunidade a outra, polo que haberá que protexela e tamén controlala, mesmo introducila naquelas onde haxa un perigo certo de extinción. O que si estaría ben é que, por riba de todo, o lobo deixe de ser considerado un trofeo cinexético e, o que é peor, unha besta cruel e inimiga.