Sí, os anestesistas pedimos máis medios

Servando López Álvarez EN LÍNEA

OPINIÓN

PRADERO

12 feb 2021 . Actualizado a las 14:15 h.

A anestexioloxía ten un capital humano con formación para garantir calidade asistencial cos máximos estándares de excelencia, tanto para atender pacientes críticos covid como non covid, cirúrxicos ou médicos. Sabemos liderar equipos en situacións de crise sen afán de protagonismo. Só queremos que a organización da atención ao paciente crítico covid responda ás necesidades asistenciais e de recursos, utilizando o sentidiño.

Baixo estas premisas tivemos e temos o máximo compromiso coa atención ao paciente crítico. Sabemos que o rápido aumento do número de contaxiados (ante a incapacidade para frear a transmisión comunitaria) e a elevada presión asistencial sobre os hospitais galegos fan necesaria a nosa implicación na atención ao paciente crítico con covid. Nada novo, xa ocorreu nos meses de marzo e abril; e grazas a estruturas polivalentes e á organización de equipos multidisciplinares foi posible atender esa elevada demanda, tanto nas plantas de hospitalización como nas unidades de críticos.

Esa resposta e implicación trouxo consigo unha importante sobrecarga asistencial dos profesionais con elevados niveis de estrés. Agradécese o recoñecemento público a tanto esforzo, a través dos aplausos que enchían de vida os nosos balcóns e ventás, e tamén ese agasallo en forma de medalla, pero... que hai da necesaria estabilidade laboral e da fin da irresponsable precariedade? A nosa demanda agora como sociedade científica é un recoñecemento do labor do persoal de Anestesioloxía, Reanimación e Dor, establecendo un marco xurídico que delimite a nosa competencia como profesionais de coidados intensivos. Non pode ser que en situacións excepcionais se recoñeza a nosa valía, mais na volta á normalidade se ignoren as nosas capacidades tan contrastadas na experiencia cotián.

A nosa versatilidade e o noso compromiso durante a pandemia permitiu duplicar camas e ofrecer a atención que se merece o paciente de covid. Agora ben, se durante a pandemia a maioría dos recursos dispoñibles están dedicados ao paciente de covid, aínda que se fixeron esforzos para manter a actividade urxente e prioritaria, en hospitais como o CHUAC houbo e hai serias dificultades para manter intervencións de pacientes oncolóxicos.

Coñecedores do contexto, pedimos ás autoridades sanitarias os máximos esforzos para intentar garantir na medida do posible a actividade ordinaria, tanto médica como cirúrxica non covid, porque os pacientes críticos non covid teñen dereito a unha atención sanitaria de calidade e non é ético que a súa atención se vexa afectada.

Isto só será posible introducindo profundos cambios nas formas de xestión da saúde. A pandemia demostrou importantes debilidades do sistema sanitario. Así se puxo de manifesto en ámbitos científicos e académicos. Tras a primeira onda, os optimistas pensamos que ante as ameazas e debilidades que estaba a sufrir había unha oportunidade para fortalecerse reforzando o sistema público de saúde. Eran tempos de poñer fin aos recortes, de aumentar o PIB en sanidade, de rematar con toda a precariedade do persoal sanitario. Eran temas de reflexión, pero chegou a segunda e terceira onda e non houbo cambios, un pensa que foi un pesadelo dunha noite de verán. Estamos no inverno do 2021, espertando dun soño, non abonda con palabras de apoio, queremos que se poñan todos os medios para dispor de recursos suficientes. Esiximos máis investimentos en sanidade para dispoñer de máis recursos, reclamamos confianza nos profesionais, pois sabemos xestionar os recursos e facer un uso eficiente dos mesmos.

Fagamos o posible para non repetir esta triste historia. Somos versátiles e estamos comprometidos, pero necesitamos unha forte achega de investimentos. Precisamos recursos tecnolóxicos e humanos para atender as esperas producidas durante a pandemia e para enfrontar con éxito os retos da medicina do século XXI.