Os superheroes e superheroínas son para a ficción, ou para o entroido, que este ano tamén vai ser distinto. Si, tamén o entroido. E que? Saben? Non pasa nada. Nada. Non pasa nada!
Nin se lles ocorra pensar niso de salvar a Semana Santa. O que temos que salvar é vidas. As vosas, as nosas, as de todas. As dos máis fráxiles ante a covid e as do resto da humanidade. O virus non entende de razas, nin de idades, nin de fronteiras, nin de sentimentos... nin de nada. É un virus. Un maldito virus. Pero nós... nós si. Temos un cerebro e un corazón que teñen que ir da man máis ca nunca.
O persoal sanitario está totalmente desbordado. As instalacións, tamén. Esta xente, por moito que nos sorría, non pode máis. Está completamente esgotada, ao límite. Estamos nós, por ter que pasar uns días na casa, sen saír, sen tomar un café, sen movernos... non van estar elas!
Fáganse unha idea de como viven. Mal. Moi mal. Ao límite. Camiñando por unha corda, facendo equilibrio ante o abismo máis grande. Dóelles o corpo todo, ata as pestanas, e a alma. A parte física pídelles encarecidamente parar, descansar, fuxir. Pero non o fan, porque están coidando da humanidade. E o mundo... non estamos respondendo como deberiamos.
Onde quedaron os aplausos? Os agradecementos? Os estamos con vós? Si, pasou case un ano, estamos cansos, mentres seguen a partir o lombo coma o primeiro día. Así que non pensen tanto en que isto acabe senón en como en facer que isto acabe. Aí está a cuestión. E esta é responsabilidade nosa.