Leite condensado

OPINIÓN

O GLOBOZUMA PRESSCONTACTOP

03 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Seica cae a popularidade de Bolsonaro pola súa xestión da pandemia e tamén porque rematan as axudas económicas pagadas de abril a decembro a case un terzo da poboación total de Brasil. Non vou defender a semellante extremista e populista que cualificou o covid-19 coma unha «gripiña», rexeitou a eficacia de calquera confinamento e tamén o uso de máscaras, obviando un andazo que xa leva apañadas máis de duascentas mil vidas no seu país. A súa prepotencia, tan parella á de Donald Trump, adoita traerlle momentos de ira como o que protagonizou días atrás, logo de que os xornalistas lle preguntasen polo gasto de máis de dous millóns de euros na compra de leite condensado ou trescentos mil euros en goma de mascar. A resposta do mandatario brasileiro tivo a contundencia dun neno malcriado: «Estas latas son para metérllelas a vostedes, os da prensa, no traseiro». Este carácter totalitario e caprichoso fai das súas arroutadas unha caricatura que, vista dende fóra, pode parecer ridícula. Mais tamén un pensa no poder de convicción do leite condensado, mesmo da goma de mascar, cando para moitos a felicidade está concentrada neses sabores doces que fan esquecer todo o demais. Lembro os buratos que a miña irmá e mais eu lles faciamos a eses botes para zugarmos, lambóns, un líquido tan saboroso que nos tiraba o sentido. Por iso entendo a resposta rabiada de Bolsonaro, que se estraña de que uns botes de leite condensado poidan facer mal nunha poboación con fame. Talvez o populismo sexa iso, unha cuestión de caramelos que o pobo come con cobiza sen lle importar un futuro sen dentes ou a perda da vida por unha simple «gripiña». No fin de contas, como di alguén, os malos hábitos poden matarte, pero os bos tampouco te salvarán.